A ÁREA SANITARIA DE PONTEVEDRA-O SALNÉS E A FUNDACIÓN ANDREA HUMANIZAN ESPAZOS DAS URXENCIAS PEDIÁTRICAS DO HOSPITAL DO SALNÉS PARA AMENIZAR AS ESTADÍAS DE MENIÑOS E FAMILIARES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
28 05 2024
A Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, en colaboración coa Fundación Andrea, están a efectuar un programa conxunto de humanización de espazos nas urxencias de Pediatría do Hospital do Salnés para crear unha contorna acolledora e confortable para os nenos que acoden ao centro sanitario arousán e as súas familias, amenizando e axudando a pasar unha mellor estadía.

Dito programa conxunto de humanización de espazos nas urxencias pediátricas do Hospital arousán incorpora diversos elementos, entre os que destacan a decoración con mobiliario infantil, así coma a dotación de dous monitores televisivos: un fixo, emprazado na sala de espera, e outro televisor con soporte móbil para poder desprazalo tanto á área de camas de observación de Urxencias pediátricas coma nos boxes de asistencia. Así mesmo, aportouse diverso material lúdico á sala de espera pediátrica para que poidan disfrutalo os meniños. 

Nesta intervención -que terá a súa continuidade estética e humanizadora en espazos de acceso á área de Urxencias e no andar de hospitalización pediátrica durante o vindeiro verán- inspírase no fomento de hábitos saudables e os xogos. 

Humanización da sala de lactancia materna
Outra intervención efectuada no Hospital do Salnés pola Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés e a Fundación Andrea humanizou a súa sala de lactancia materna, equipándoa con mobiliario especificamente adaptado para potenciar o confort no proceso desta alimentación, que comeza tras o nacemento.

Ditas intervencións engádense a outras realizadas en diferentes centros sanitarios públicos galegos no eido da humanización de espazos, xa que tanto o Servizo Galego de Saúde coma a devandita Fundación poñen en valor o alto beneficio para a saúde dos pequenos que se atopan en contornas alegres durante todo o proceso das súas atencións de saúde.
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde