MAIS DE 120 PROFESIONAIS DAS UCIs GALEGAS PARTICIPAN NA XXXVI REUNIÓN DA SOCIEDADE GALEGA DE MEDICINA INTENSIVA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 05 2024

Hoxe día 29 e mañá día 30 terá lugar na Fundación Barrié a XXXVI Reunión Anual da Sociedade Galega de Medicina Intensiva (SOGAMIUC), organizada polo servizo de coidados intensivos do CHUAC, e onde mais de 120 intensivistas de toda Galicia se reunirán baixo o lema “Galicia Intensiva: desafíos e innovación”.

Ao longo dos 2 días que dura a reunión, debateranse as últimas novidades no ámbito do paciente crítico. Con esta filosofía de abordar novos retos preténdese actualizar o coñecemento científico máis recente en temas de especial relevancia na atención ao tipo de paciente que se atende nestas unidades (patoloxía infecciosa, paciente crítico que precisa osixenación por membrana extracorpórea, visión integral do enfermo traumático, así como patoloxías emerxentes nestas unidades como o paciente oncohematolóxico, entre outros).

Os temas que se discutirán marcarán o futuro da medicina intensiva como o papel da intelixencia artificial e novas tecnoloxías nas UCIs. Aspectos que se abordarán desde un punto de vista multiprofesional con ampla experiencia no seu campo e desde unha perspectiva humana e cunha visión de UCI sustentable.

A nova UCI do CHUAC

A distribución dos pacientes realízase en 3 unidades asignadas a patoloxías específicas. Por unha banda, unha unidade cardíaca de 14 camas onde ingresan os transplantados e postoperados cardíacos, pacientes con necesidade de soporte extracorpóreo ou dispositivos de asistencia cardíaca avanzada e shock cardioxénico. Por outra banda, dúas unidades de 14 camas cada unha onde se ingresan divididos por áreas os pacientes neurocríticos, politraumatizados, respiratorio sen/con necesidade de soporte avanzado, pacientes en shock séptico, con lesión medular aguda, oncohematolóxicos e hepatópatas, traballando de forma estreita e multidisciplinar coas especialidades de referencia. Por último unha unidade con 3 camas asignadas a pacientes queimados críticos.

Ao longo do ano 2023 o número de ingresos realizados polos profesionais da Unidade de Coidados Intensivos do CHUAC ascendeu a 1.863. E nos últimos tres meses, coincidindo coa apertura da nova UCI, o número de ingresos realizados acada os 538.

A apertura destas novas unidades, en febreiro do 2024, permitiu continuar con proxectos xa iniciados, interdisciplinares e transversais con outros servizos, así como o exporse novos retos en relación á sustentabilidade. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud