​A AXENCIA DE DOAZÓN DE ÓRGANOS E SANGUE E A REAL FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL PROMOVEN UNHA CAMPAÑA ESPECIAL DE DOAZÓN DE SANGUE EN VIGO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 05 2024
 

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Real Federación Galega de Fútbol volverán a desenvolver unha iniciativa conxunta ao longo da presente xornada e que consistirá no desprazamento dunha unidade móbil de doazón de sangue ata as inmediacións das oficinas da Federación en Vigo, na Rúa Manuel de Castro. 

Para fomentar a participación, ADOS agasallará a todas as persoas que doen cunha camiseta e, pola súa banda, a Real Federación Galega de Fútbol obsequiará a todos os doantes cunha entrada para presenciar o encontro que a selección galega absoluta masculina disputará o venres 31 de maio, no estadio de Balaídos, fronte á selección de Panamá. O horario de atención aos doantes na unidade móbil da Axencia será das 15:30 ás 21.00 horas de hoxe.

ADOS quere amosalo seu agradecemento á Real Federación Galega de Fútbol pola súa inestimable colaboración e compromiso co solidario xesto da doazón de sangue, xa que ésta é a segunda campaña conxunta que están a promover, despois da levada a cabo no mes de marzo do ano pasado, e que acadou 55 doazóns da sangue, das cales 10 correspondíanse con persoas que doaban sangue por vez primeira.

Fomentado o altruísmo

A dirección de ADOS destaca a importancia da colaboración de colectivos e institucións de todos os ámbitos para lograr unha conciencia solidaria proclive á doazón como, neste caso, está a impulsar a Real Federación Galega de Fútbol, xa que poden unir os valores positivos do ámbito deportivo á nosa mensaxe e transmitila con maior proximidade por ter un amplo calado social.

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. 

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde