NEUROLOXÍA DEL CHUF Y LA ASOCIACIÓN CORUÑESA DE ESCLEROSIS MÚLTIPLE (ACEM) SE UNEN NO DÍA MUNDIAL DE ESTA ENFERMEDAD
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
29 05 2024

​Profesionais de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol únense hoxe á Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple (ACEM) para conmemorar o Día Mundial desta Patoloxía. Así, estiveron esta mañá nunha mesa informativa, no andar baixo do Hospital Naval do Complexo, centro onde está emprazada a consulta monográfica para esta enfermidade coa que conta a Área Sanitaria de Ferrol. Estaban nesta mesa informativa, a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente; o subdirector de Calidade, Humanización e Atención á Cidadanía da Área Sanitaria de Ferrol, Juan Manuel González; o xefe do Servizo de Neuroloxía, Javier Abella; a neuróloga da consulta monográfica, Eva Costa, e a enfermeira desta consulta, Teresa de Deus.

A Esclerose Múltiple é unha enfermidade desmielinizante, inflamatoria e dexenerativa, do sistema nervioso central, de causa descoñecida, cunha idade media ó diagnóstico de 32 anos, aínda que nas últimas décadas están incrementando os casos que debutan por riba dos 50 anos. De feito, é a causa máis frecuente de discapacidade non traumática en persoas novas. É unha enfermidade na que se produce unha inflamación no sistema nervioso central e pode cursar tanto con síntomas nunha primeira fase inflamatoria ou ben de xeito progresivo. A sintomatoloxía é moi variable dependendo de que parte do sistema nervioso central estea afectado, e as síntomas máis frecuentes soen ser visuais, motoras, ou sensitivas, como, por pór un exemplo, perda de visón ou de sensibilidade, ou trastornos de deambulación.

Así, existen tres tipos pacientes con Esclerose Múltiple, os que comezan con abrochos ata derivar nunha fase dexenerativa (Esclerose Múltiple remitente recorrente); noutros casos xa se produce en paralelo unha fase dexenerativa con abrochos (forma clínica secundaria progresiva); ou, por último, nas que a fase inflamatoria non se manifesta (primaria progresiva). Estas dúas últimas son as menos habituais. A Esclerose múltiple ten máis incidencia nos países do norte, e afecta a tres mulleres por cada home. Galicia é unha das comunidades autónomas con maior prevaleza, tal e como se deriva de estudos realizados en Ferrol.

En canto ó diagnóstico e o tratamento, os especialistas en Neuroloxía refiren que cada vez se diagnostica máis, xa que hai unha maior detección e se fan máis probas complementarias. No caso da Área Sanitaria, a Resonancia Magnética de 3 Teslas coa que conta a Área no renovado servizo de Radiodiagnóstico permitiu afinar aínda máis os diagnósticos. Nesta Área, ofrécense os tratamentos dispoñibles para as distintas formas de Esclerose Múltiple mencionadas, case unha vintena, incluídas as novas incorporacións que permiten un maior control dos abrochos e atrasan a súa progresión. Ademais, teñen un formato oral, que é mellor tolerado polo paciente, e que ten incrementado igualmente a adherencia ós tratamentos. 

Consulta monográfica 

A Área Sanitaria de Ferrol conta cunha consulta monográfica para a Esclerose Múltiple, na que se ven tamén de xeito máis minoritario outras enfermidades autoinmunes do sistema nervioso como a Neuromielite óptica (MNO). Unha vez que se diagnostica a pacientes con esclerose múltiple, fáiselles un seguimento en Neuroloxía, nesta consulta específica, e, ademais, facilítaselle ó paciente unha canle directa de contacto para poder abordar cuestións urxentes. Nesta consulta monográfica sobre esclerose múltiple, no ámbito da Neuroloxía da Área, estase a facer actualmente un seguimento a en torno 360 pacientes. Diagnostícanse unha media de 10 novos casos ó ano. 

Ocúpanse dela dous especialistas en Neuroloxía con cinco consultas ó mes. Como novidade, hai meses creouse tamén a consulta de Enfermaría no marco desta atención monográfica, que se ocupa de aplicar escalas e test de control ós pacientes, e realizar moitas valoracións dos parámetros establecidos no PAI (Proceso de Atención Integrada) que sobre esta enfermidade ten o Sergas. Realiza educación sanitaria; apoio do paciente, por exemplo nas dúbidas dos tratamentos; e, tamén, seguimento de factores que poden axudar a predicir a enfermidade.

Polo tanto, en conxunto, prodúcese unha atención máis directa, especializada e personalizada; e tamén se inclúe asesoramento por parte de persoal formado especificamente.

En paralelo, nesta consulta prodúcese a recompilación de datos para coñecer mellor a enfermidade e o coñecemento sobre o perfil do paciente e procesos de autoavaliacións. Particípase no rexistro de pacientes a nivel de Galicia, e estase a perfeccionar o rexistro propio. Outra das cuestións que distingue esta Área é a avaliación cognitiva por parte de Psicoloxía, directamente vencellada a esta consulta.


EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud