GÓMEZ CAAMAÑO DESTACA A ESTRATEXIA PARA A ATENCIÓN ÁS PERSOAS EN SITUACIÓN DE CRONICIDADE PARA AFRONTAR UN DOS MAIORES RETOS DA ASISTENCIA SANITARIA GALEGA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
30 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta mañá na inauguración do 10 Congreso Nacional de Pacientes Crónicos,  un acto no que destacou a importancia da Estratexia galega para a atención das persoas en situación de cronicidade, de cara a afrontar un dos grandes retos que presenta actualmente o eido asistencial sanitario.

Organizadas pola Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN), as xornadas  que se celebrarán hoxe e mañá no Pazo da Cultura de Pontevedra acollerán a especialistas chegados de toda España que participarán en debates, seminarios e obradoiros nos que se analizarán as últimas novidades xurdidas ao redor dos coidados ao pacientes crónico, así como os avances que se están producindo neste ámbito en materia de innovación e investigación.

No acto inaugural, Antonio Gómez Caamaño apuntou que a sanidade actual debe prestar especial atención a dous aspectos: por unha banda, adaptar a súa organización ás necesidades dos profesionais sanitarios; e, por outra e sobre todo, adaptar as prestacións asistenciais ás singularidades específicas que presentan unhas poboacións cada vez máis lonxevas e, en consecuencia, con maiores índices de enfermidades crónicas.

Sobre este particular, o conselleiro de Sanidade indicou que, nos últimos catro anos, a poboación galega en situación de cronicidade medrou nunha porcentaxe anual do 3%, fronte ao 1,7% rexistrado a nivel nacional. 

Así, e para facer fronte a esta conxuntura poboacional, Caamaño explicou que a Xunta deseñou a Estratexia galega para a atención das persoas en situación de cronicidade, un documento que serve de folla de ruta para artellar unha atención sociosanitaria integral coa que atender aos pacientes crónicos na comunidade galega. 

No obxectivo común de mellorar a calidade de vida deste pacientes, o conselleiro de Sanidade avogou por poñer o foco en tres piares básicos: en definir un modelo asistencial proactivo coas persoas que padecen este tipo de enfermidades;  en manter unha continuidade asistencial; e en establecer un modelo de atención corresponsable cos pacientes.

Así mesmo, Gómez Caamaño avogou por fomentar a investigación ao redor das doenzas crónicas, procurando novas liñas de traballo que acheguen solucións ás necesidades que presenta a atención á cronicidade.

No peche da súa intervención, Gómez Caamaño agradeceu a presenza de expertos, profesionais sanitarios, pacientes e representantes das asociacións, que durante estes dous días trasladarán as súas propostas e experiencias co obxectivo de mellorar os coidados e a calidade de vida dos pacientes crónicos e dos seus familiares.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud