MARCALIBROS E CONSELLOS PARA DEIXAR DE FUMAR TANTO NO CHUF COMO NOS CENTROS DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2024
 

Profesionais residentes tanto de Enfermaría como de Medicina Familiar e Comunitaria están hoxe na entrada principal do Arquitecto Marcide para destacar moitas mensaxes, entre elas, o enorme beneficio que reporta deixar de fumar. Informan a todo que quere, con múltiples folletos informativos, sobre distintos aspectos en torno ó tabaquismo. Entre o material que se entrega, un feito especificamente para a ocasión polo Comité de Tabaquismo da Área Sanitaria de Ferrol, en colaboración coa Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol, un marcalibros invitando nas súas dúas caras á reflexión: Deixar de fumar é o mellor hábito que podes... adoptar; ou deixar o cigarro non é doado... máis é o axeitado. 

O lema mundial deste ano fai referencia específica ós fumadores pasivos no entorno, sobre todo ós máis pequenos, "Protexer a nenos e nenas da interferencia da industria tabaqueira", e invita ós máis novos a revelarse fronte ó tabaco. 

Tabaco: máis EPOC, cancro e eventos cardiovasculares

Pola súa banda, a Enfermaría do centro de saúde de Narón tamén saca fóra da consulta o problema do tabaquismo, e sitúa unha mesa informativa no centro de saúde para pór o acento sobre a “diminución da calidade de vida das persoas fumadoras”. Nesta Mesa dáse información sobre os problemas de saúde que leva consigo fumar, como por exemplo, a Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC), e maior probabilidade de eventos cardiovasculares, ou de desenvolvemento de cancro de pulmón, explican dende este centro de saúde. Falan tamén dos numerosos mitos que rodean ó tabaco, como que non existe consumo seguro de tabaco ou que nunca é tarde para deixalo, entre outros.

Pero sobre todo, inciden nas numerosas vantaxes que ten deixar de fumar: melloras na saúde como aumentar a capacidade respiratoria, cansarse menos ó facer exercicio, ou reducir as posibilidades de sufrir un cancro de pulmón. E van máis alá da saúde coa reflexión sobre outros aspectos de melloría: “vantaxes estéticas ó manter a pel máis san durante máis tempo ou reducir a cor amarela das unllas que produce o fumar; melloras económicas ó poder aforrar ata 1.600 euros ó ano, se é unha persoa fumadora dun paquete diario de cigarros; e, sobre todo, vantaxes para o entorno máis achegado ó proporcionarlles un entorno libre de tabaco”, que fuman indirectamente, e no que se centra o lema deste ano.

Esta mañá, nesta mesa, tamén avaliarán a dependencia da persoa ó tabaco. O obxectivo da mesa, resumen dende o centro de saúde de Narón, é “motivar ás persoas que fuman a que inicien o proceso para deixar de fumar”; e, na propia mesa, darase “indicacións para todas aquelas persoas que teñan a motivación de deixar de fumar para que coñezan como e a quen acudir. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde