GÓMEZ CAAMAÑO DESTACA O PAPEL ESENCIAL DOS 33 NOVOS INVESTIGADORES QUE SE INCORPORAN AO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE PARA MANTER O ALTO NIVEL DE CALIDADE ASISTENCIAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, deu hoxe a benvida aos 33 novos investigadores que se incorporan aos centros de investigación do Servizo Galego de Saúde. 

Nun acto celebrado no Edificio Administrativo de San Lázaro, no que estivo acompañado polo xerente do Sergas, José Ramón Parada, e polo xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, Gómez Caamaño destacou o papel fundamental destes investigadores para manter o alto nivel de calidade asistencial no sistema público de saúde. 

O conselleiro trasladou as felicitacións aos novos investigadores, que foron seleccionados en distintos programas de investigación moi competitivos e elixidos entre excelentes expedientes. Isto, asegurou, reflicte “que estamos diante dun conxunto de investigadores con talento e potencial”.

Lembrou que para un servizo de saúde público como o galego é imprescindible manter un alto nivel de investigación polo que, contar con estes novos profesionais, que orientan a súa actividade cara ao campo da investigación será esencial para poder manter os altos niveis de calidade asistencial.

Na súa intervención, Gómez Caamaño trasladou a máxima vontade de colaboración e apoio da Xunta ao traballo destes investigadores, con medidas que permitan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións. 

A tal efecto, lembrou que Galicia conta con tres institutos públicos de investigación sanitaria que, aproveitando as sinerxías entre os complexos hospitalarios e as universidades, impulsan, promoven e fomentan a investigación de excelencia e obteñen magníficos resultados que derivan en grandes éxitos en saúde.

O titular da carteira sanitaria lembrou que a benvida a este grupo excepcional de investigadores coincide co Día Mundial sen Tabaco, xornada na que se promoven actividades de loita contra o tabaquismo e para reivindicar o dereito á saúde e a unha vida sa, un ámbito no que, dixo, tamén cómpre continuar a potenciar a investigación.

Foro de encontro

A xornada cos novos investigadores celebrada hoxe ten como obxectivo fundamental establecer un foro de encontro para estes novos profesionais, así como potenciar a súa visibilidade e servir de estímulo para a súa actividade investigadora.

Trátase dun total de 33 novos profesionais que se incorporan ao Servizo Galego de Saúde no marco dos Programas de Axudas de Impulso á Investigación, cuxo obxectivo é a atracción de talento coa fin de favorecer a captación e formación de capital humano investigador e a súa mobilidade, así como promover a calidade e competitividade deste persoal.

O departamento sanitario galego conta cun total de 187 investigadores que se foron incorporando ao longo dos últimos anos. Para o Servizo Galego de Saúde todos eles non só supoñen unha fonte de inxección en captación de talento senón, tamén, de fortalecemento das liñas de investigación e de gran proxección nas que se incorporan.

No acto desta mañá tamén participaron tres investigadores cunha dilatada traxectoria, José Alberto Fernández Villar, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur; María José López Armada, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña; e Clotilde Costa Nogueira, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, que trasladaron a experiencia profesional da súa traxectoria pola carreira científica.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud