A Área Sanitaria de Pontevedra e O
Salnés, en colaboración co voluntariado da Asociación Española
contra o Cancro (AECC), celebra hoxe, venres 31 de maio, o Día
Mundial sen Tabaco 2024 cunha serie de iniciativas que pretenden
concienciar sobre os beneficios de deixar de fumar, e sobre todo,
previr o seu consumo entre a poboación máis nova e advertir das
estratexias comerciais da industria do tabaco, xa que este ano a
campaña da Organización Mundial da Saúde (OMS) ten por lema
“Protexer á mocidade da interferencia da industria tabaqueira”.
A
toma de contacto máis directa coa poboación é a través da
instalación de mesas informativas con cartelaría e folletos nos
tres hospitais da Área Sanitaria e nunha decena de centros de
Atención Primaria. O persoal voluntario da AECC estará presente ao
longo da mañá nas mesas de Montecelo, Provincial e O Salnés, así
como nos centros de saúde de A Parda e Virxe Peregrina, na cidade de
Pontevedra; Bueu, Marín, Baltar-Portonovo en Sanxenxo, e O Grove.
Así mesmo, será o propio persoal sanitario o encargado de informar
aos usuarios nas mesas instaladas nos centros de Lérez,
Anafans-Poio, Caldas de Reis e Vilaboa.
Tamén
salientar que, de xeito simbólico, no Hospital Montecelo haberá
unha canastra para que as persoas que o desexen poidan tirar e tratar
de encestar o seu paquete de tabaco nela, e así liberarse do xugo
que supón esta adicción para as que a sofren.
Sesión
informativa no Hospital Montecelo
A
celebración do Día Mundial sen Tabaco 2024 incluirá tamén
unha sesión informativa no salón de actos do Hospital Montecelo, a
partir das 13 horas, onde primeiro se impartirán tres ponencias por
parte de profesionais expertas.
A
enfermeira Rocío Rozas, da Unidade de Rehabilitación Cardíaca do
Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), falará da
“Prevención Primaria. Perspectiva de futuro”; Dolores
Andújar Rogel, técnica de Prevención da AECC, centrará a súa
ponencia no “Papel da AECC na prevención do tabaquismo”; e
finalmente a doutora Victoria Aldea Míguez, da Dirección
Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra, falará do
“Programa Galego de Promoción de Vida sen Tabaco”.
Haberá
unha segunda parte titulada “Experiencias dos nosos pacientes”
e contará coa participación de catro pacientes exfumadores das
consultas de Pneumoloxía e Rehabilitación Cardiaca do CHUP, que
estará moderada pola pneumóloga Guadalupe González Valladares. A
continuación, establecerase un coloquio aberto a preguntas do público.
Situación
urxente en adolescentes
A
situación é especialmente urxente en adolescentes, a maioría
nacidos xa tras a Lei de 2005 de medidas sanitarias fronte ao
tabaquismo. Os mozos galegos entre 14 e 18 anos recoñecen consumir
tabaco no último mes nun 23,2 % -23,1 % dos homes e 23,3 das
mulleres-. Case o 20% dos nenos de 14 anos recoñeceu fumar no último
ano e o 44% dos de 18 anos; nambos casos, máis as mulleres que os
homes. O 38,1 % dos galegos destas idades recoñeceu usar algunha vez
o cigarro electrónico. O 40% veu fumar a profesores dentro do
recinto escolar e o 60% a outros alumnos.
Dende
o Servizo de Pneumoloxía do CHUP lembran que na actualidade se está
a traballar a nivel estatal no Plan Integral de Control de
Tabaquismo, con medidas dirixidas a conseguir unha xeración libre de
fumes e, neste sentido, o Reino Unido é o primeiro país en dar ese
paso coa aprobación, o pasado mes de abril, dunha lei que prohibe a
venda de produtos derivados do tabaco as persoas nacidas a partir do
1 de xaneiro de 2009.