O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE OFERTA 71 CONTRATOS ESTABLES PARA PERSOAL RESIDENTE A TRAVÉS DO SEGUNDO PROGRAMA DE REMUDA XERACIONAL DE FACULTATIVOS DAS INSTITUCIÓNS HOSPITALARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición deste venres​, o segundo Programa temporal para a transición xeracional do persoal facultativo dos hospitais do Servizo Galego de Saúde, no que se inclúe a oferta de 71 contratos estables de tres anos de duración destinados ao persoal residente de 25 especialidades que este ano remata a súa formación especializada neses hospitais.

Con este programa dáse continuidade ao aprobado en maio de 2023 e impúlsase novamente a remuda xeracional do persoal médico dos hospitais galegos.

Do total dos contratos, 10 son para a área sanitaria da Coruña e Cee; 9 para a de Ferrol; 11 para a de Santiago de Compostela e Barbanza; 13 para a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 12 para a de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras; 8 para a de Pontevedra e O Salnés e 8 para a de Vigo.

As prazas encádranse nas especialidades de cirurxía ortopédica e traumatoloxía, cirurxía pediátrica, cirurxía xeral e do aparello dixestivo, medicina intensiva, medicina interna, uroloxía, neurocirurxía, cardioloxía, oncoloxía médica, hematoloxía e hemoterapia, pediatría e súas áreas específicas, medicina preventiva e saúde pública, neumoloxía, anatomía patolóxica, microbioloxía e parasitoloxía, aparello dixestivo, nefroloxía, obstetricia e xinecoloxía, anestesioloxía e reanimación, análises clínicas e neuroloxía.

Como novidade respecto ao do ano anterior, este programa executarase en dúas fases e mediante dous prazos de presentación de solicitudes. O persoal residente que finalizou o seu período formativo de cinco anos este mes de maio poderá presentar a súa solicitude ata o 7 de xuño. O persoal que, polo atraso xerado pola pandemia, iniciou en setembro de 2020 a formación nas especialidades de catro anos de duración, poderá presentar a súa solicitude entre o 17 e o 30 setembro.

No caso de que o número de residentes interesados por especialidade e área supere os contratos ofertados, aplicarase un baremo no que se valorarán as cualificacións da formación universitaria, o coñecemento do idioma galego e a avaliación final do período de residencia, dando desta forma relevancia á avaliación da formación especializada. Tamén se primará a decisión de continuar traballando para a área sanitaria na que xa se está traballando como persoal residente, como forma de impulsar e garantir a continuidade asistencial dos servizos.

Estes contratos serán compatibles co sistema ordinario de cobertura de vacantes por listas, que seguirá funcionando para cubrir vacantes por xubilación e outras causas.

Este plan supón un valioso instrumento para reter especialistas e trasladar o coñecemento e habilidades clínicas do persoal que se xubila tras unha longa traxectoria profesional.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud