OS SERVIZOS DE UROLOXÍA DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE REALIZARON MÁIS DE 1.700 INTERVENCIÓNS COS ROBOTS DA VINCI DESDE A SÚA IMPLANTACIÓN EN 2021
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2024

 

Os servizos de Uroloxía do Servizo Galego de Saúde realizaron máis de 1.700 intervencións cos robots da Vinci desde a súa implantación en xullo de 2021. 

Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na inauguración do XXXIII Congreso da Sociedade Galega de Uroloxía, acto no que estivo acompañado pola presidenta da Sociedade Galega de Uroloxía, Elena López; e polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio.

Na súa intervención Gómez Caamaño puxo en valor o traballo dos profesionais deste servizo e destacou a importancia das vías rápidas, que garanten un acceso inmediato do paciente ao facultativo en caso de patoloxía oncolóxica. Explicou, en concreto, que as referidas ao cancro de próstata e de vexiga beneficiaron a 5.936 pacientes no pasado ano, cunha media de tempo de espera de 5,8 días.

Gómez Caamaño cualificou de gran salto o inicio, próximo, do programa de cribados nesta materia que situará a Galicia de novo á vangarda. 

Incidiu en que, grazas ao traballo conxunto de oncólogos, urólogos, oncoloxía radioterápica e medicina nuclear, a Xunta está a ultimar a actualización da ruta asistencial e de manexo do cancro de próstata no Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de garantir un mellor diagnóstico temperán e o mellor tratamento posible a toda a poboación galega, en concordancia coa Estratexia de Xestión do Cancro 2022-2023.

O conselleiro rematou a súa intervención sinalando que Galicia é unha comunidade pioneira nos avances en uroloxía, unha posición que non se podería acadar sen o excelente traballo dos profesionais e sen a colaboración de institucións como a Sociedade Galega de Uroloxía.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud