GÓMEZ CAAMAÑO SALIENTA O ESFORZO DA XUNTA NA PROTECCIÓN DA SAÚDE CARDÍACA DOS GALEGOS E AS MÁIS DE 32.000 E-INTERCONSULTAS REALIZADAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
31 05 2024


​​O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde na inauguración da Reunión Anual da Sociedade Galega de Cardioloxía, un acto no que destacou o traballo que realizan os profesionais do sistema sanitario público galego na protección da saúde coronaria da poboación.

Acompañado polo decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, Julián Álvarez, e polo presidente da Sociedade Galega de Cardioloxía, Javier García, o conselleiro de Sanidade puxo en valor as máis de 32.000 e-interconsultas que os servizos de Cardioloxía do sistema sanitario público galego rexistraron durante o pasado ano 2023.

Gómez Caamaño salientou a calidade asistencial do conxunto das unidades de Cardioloxía galegas, un bo facer que deriva en diferentes recoñecementos a nivel nacional, como é o caso do Programa de cardiopatías conxénitas do Hospital Universitario da Coruña, ou a posición de liderado que ocupa o equipo de investigación cardiovascular da área sanitaria de Santiago e Barbanza.

Na súa intervención, o conselleiro referiuse a algunhas das medidas que a Xunta puxo en marcha para protexer a saúde coronaria dos galegos e galegas, destacando, entre outras, o Programa de Infarto Agudo de Miocardio ou a creación do Rexistro galego do infarto de miocardio (Regaliam).

Segundo avanzou, o departamento que dirixe xa está traballar nun protocolo para a atención ao shock cardioxénico, unha enfermidade que conta cunha elevada incidencia nas unidades de críticos cardiolóxicos e posúe unha elevada morbimortalidade. 

“O traballo dos nosos profesionais é o que mantén a nosa comunidade á vangarda neste, e noutros eidos sanitarios, e é o que fai que obteñamos numerosos recoñecementos”, concluíu Gómez Caamaño, ao tempo que agradeceu a asistencia dos especialistas a unha reunión que, durante as xornadas de hoxe e mañá, permitirá abordar as últimas novidades xurdidas ao redor do ámbito da Cardioloxía.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud