A AMBULANCIA DE SOPORTE VITAL AVANZADO DE ENFERMERÍA DE LALÍN ASISTIRÁ AS URXENCIAS E AS EMERXENCIAS SANITARIAS DA COMARCA DE DEZA DESDE ESTE SÁBADO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
01 06 2024

A ambulancia de soporte vital avanzado de Enfermería con base no concello de Lalín dará cobertura a todas as urxencias e as emerxencias sanitarias que se produzan na comarca de Deza a partir de hoxe. 

Este novo recurso asistencial reforza os recursos sanitarios das máis de 35.000 persoas.

Así, a ambulancia de servizo vital avanzado de Enfermería con base en Lalín permitirá realizar traslados de pacientes e garantir a prestación dos tratamentos durante longos traxectos, sen necesidade de mobilizar ao equipo de atención primaria do centro de saúde de referencia.

Desde o ano 2019, as ambulancias de servizo vital avanzado de Enfermaría están presentes nas cidades da Coruña, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela para optimizar a prestación asistencial nestas áreas, cun 96% de resolución das súas intervencións de xeito autónomo, é dicir, sen necesidade de mobilizar recursos medicalizados. 

Mellora dos tempos de asistencia

Ademais, a incorporación deste recurso asistencial de servizo vital avanzado permitirá mellorar os tempos de asistencia á poboación e incrementar a calidade asistencial a través da atención presencial daqueles pacientes que necesiten coidados de soporte vital avanzado. 

Todas as ambulancias de servizo vital avanzado da rede de transporte sanitario urxente de Galicia-061, sexan medicalizadas ou de Enfermería, son vehículos cuxo equipamento e dotación permite prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos, no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado.

A asistencia sanitaria realizada polo persoal sanitario do 061 de Galicia, tanto no punto no que se atope o paciente como durante o traslado, está en todo momento coordinada e supervisada en tempo real, desde a Central de Coordinación, por médicos coordinadores especialistas na atención da urxencia e a emerxencia extrahospitalaria.

Cómpre subliñar que a decisión de incrementar a Rede de transporte sanitario urxente terrestre do 061 cunha ambulancia de servizo vital avanzado de Enfermería con base en Lalín confirma o compromiso da Xunta para mellorar a atención ás urxencias e ás emerxencias neste concello e na súa área de referencia.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud