A XUNTA E O COLEXIO PROFESIONAL DE ENXEÑARÍA EN INFORMÁTICA DE GALICIA DESENVOLVERÁN DESDE XUÑO OBRADOIROS DE ROBÓTICA PARA NENAS E NENOS HOSPITALIZADOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
03 06 2024

No mes de xuño a Xunta porá en marcha obradoiros de robótica e programación para menores ingresados en centros hospitalarios do Sistema público de saúde, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. Así se recolle no informe abordado hoxe na reunión do Consello da Xunta sobre o convenio entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e o órgano que representa o colectivo de enxeñería informática en Galicia. 

Está previsto que leven a cabo dúas sesións ao ano, comezando en xuño e continuando nos meses de outubro e novembro, en cada área sanitaria. En total serán 14 obradoiros nos que están previstas actividades como transformar froitas e utensilios de cociña en mandos de xogos de ordenador ou probar robots con forma de coche ou mascota que mudan o seu comportamento en función do son ambiental, da luz ou da distancia a outros obxectos grazas a sensores integrados. 

Con estas actividades interactivas e prácticas, proporcionarase unha distracción positiva da situación médica de cada paciente e agárdase que contribúa á súa recuperación emocional e mental, xa que a hospitalización é unha fonte de estrés para nenas e nenos e as súas familias. Por iso, os obradoiros están pensados para realizarse en grupo para favorecer a interacción social, aínda que tamén están previstas sesións virtuais no caso de pacientes que non poidan participar fisicamente nos xogos. 

Os obradoiros serán impartidos por empresas galegas do ámbito tecnolóxico a través dos seus plans de responsabilidade social corporativa e, para poder levalos a cabo, o Servizo Galego de Saúde destinará 11.500 euros á adquisición do material necesario. 

Neste sentido, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia conta xa con experiencia previa en actividades didácticas destinadas á infancia xa que desde o ano 2010, en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, organiza as charlas «Navega con Rumbo». Nestas sesións xa participaron milleiros de alumnos para formarse sobre a navegación segura na internet e o uso seguro das redes sociais. 

Humanización das áreas pediátricas

Para facer máis amable o ingreso dos menores nos hospitais públicos, o Servizo Galego de Saúde adapta a decoración das estancias e a uniformidade dos profesionais con motivos infantís. Ademais, en todas as áreas pediátricas dos hospitais existe unha aula na que persoal do departamento educativo da Xunta traballa con nenos e nenas para manter o ritmo do curso escolar na medida do posible e, a maiores, voluntariado de distintas ONG realizan actividades lúdicas. Igualmente os profesionais conmemoran datas sinaladas como o Entroido, Nadal ou Samaín.

Entre as últimas novidades promovidas por diferentes institucións en colaboración co Servizo Galego de Saúde están a decoración e o mobiliario infantil instalado nas urxencias pediátricas do Hospital do Salnés ou a apertura do Parque dos bicos no hospital Álvaro Cunqueiro para promover o xogo ao aire libre de nenas e nenos ingresados en Vigo. ​

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde