PRODUCÍRONSE TRES DOAZÓNS MULTIORGÁNICAS NO ÚLTIMO ANO NA ÁREA SANITARIA DE FERROL, QUE SALVAN OU MELLORAN A CALIDADE DE VIDA DE ALOMENOS 27 PERSOAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 06 2024
Profesionais da Área Sanitaria de Ferrol e integrantes da Asociación Alcer conmemoraban xuntos hoxe o Día Mundial do Doante, que se celebra mañá mércores 5 de xuño, cuns abrazos simbólicos dedicados a todas aquelas persoas que doan os seus órganos e salvan vidas con ese acto altruísta. Na Área Sanitaria de Ferrol, producíronse un total de tres doazóns multiorgánicas neste pasado ano. Estas doazóns implican poder salvar 15 vidas (tres corazóns, tres fígados, tres páncreas e seis pulmóns), e mellorar a vida de cando menos 12 persoas máis coas córneas e os riles.

Días como o que se celebra mañá, serven para dar as grazas ós doadores e recordar a importancia de doar órganos, subliñaron esta mañá na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Quixeron das visibilidade a este acto altruísta, a xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente; o xefe do Servizo de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza Piñeiro; as facultativas da UCI do CHUF, Isabel Álvarez Diéguez e María José Castro, e o enfermeiro da UCI, Javier Hermida, que se sumaban hoxe á campaña de Alcer. Por parte de Alcer, estiveron presentes o seu presidente, Rafael Rodríguez; a tesoureira, María José Brion; a técnica, Ana Trasmonte; e os voluntarios e voluntarias, Montse Moreda, Iago Rodríguez e Ángeles Fernández. 

Pero este acto non é illado polo Día Mundial, de feito, no pasado mes de maio, os coordinadores da doazón nesta Área Sanitaria (son catro, tres facultativos e un profesional de Enfermaría) realizaban actividades formativas sobre doazón de órganos para todo o persoal de Enfermaría da Área. Por outra banda, en colaboración con ADOS (a Axencia de Doazón de órganos e Sangue en Galicia), estes profesionais acoden tamén a institutos para dar a coñecer o que supón facerse doante, poder, salvar vidas.

Dende o equipo de coordinación da Área Sanitaria de Ferrol, quixeron subliñar o agradecemento “ós doantes e ás familias dos doantes o seu grande acto de solidariedade. Grazas no noso nome, no da sociedade, e, sobre , en nome dos receptores e as súas familias”. 

Como facerse doante

A mellor maneira para asegurar que exista a oportunidade de vida que ofrecen os transplantes é facerse doante. A tarxeta de doante é un documento que se solicita e formaliza en vida sen compromiso legal. Pero a súa utilidade é expresar de maneira escrita o testemuño de desexo de doar. Non obstante, o máis importante é que a familia coñeza ese desexo, xa que os médicos sempre a van consultar e poderán referendar esa vontade de doazón expresada formalmente tempo atrás. 

Esta tarxeta expídese en institucións públicas como a Consellería de Sanidade ou o Complexo Hospitalario, por exemplo; privadas, como algunhas asociacións de pacientes; e, tamén, a través do espazo web da Área Sanitaria de Ferrol, onde se ofrece información sobre a doazón, as preguntas más frecuentes, onde doar, ou como facer a tarxeta de doador. Neste ámbito, facilítase información e números de contacto. Sempre é gratuíta e tela non implica un compromiso definitivo, xa que se pode anular sempre que o titular o desexe. Na Área Sanitaria de Ferrol, hai rexistradas un total de 9.847 tarxetas de doante na Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

Os órganos que se poden doar son os riles, o fígado, o páncreas, o corazón, os pulmóns e o intestino. E os tecidos, as córneas; pel; óso, cartilaxes e tendóns; vasos sanguíneos (arterias e veas); válvulas cardíacas; sangue e os proxenitores hematopoéticos (da medula ósea, do sangue periférico e do sangue de cordón umbilical); e a membrana amniótica da placenta. Pódese ser doante en vida ou tralo falecemento.

Nefroloxía súmase un ano máis a este día

O Servizo de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol soe sumarse en colaboración coa Asociación Alcer ós días Mundiais relacionados coa doazón de órganos.  Un dos obxectivos é sempre concienciar sobre a prevención para non chegar a precisar un tratamento renal substitutivo, entre os que figuran o transplante renal. A insuficiencia renal é a alteración da función do ril limitando a capacidade de eliminación dos produtos tóxicos do organismo. Máis da metade das consultas por enfermidade renal crónica teñen a súa orixe en enfermidades evitables, como a diabetes e a hipertensión. Por isto son tan importantes as medidas de prevención na poboación xeral e a detección precoz en persoas en idade avanzada, con hipertensión, diabetes, pacientes con enfermidade cardiovascular en xeral, ou con historia familiar de enfermidade renal. 

Incidir, polo tanto, nas medidas xerais de prevención: exercicio físico a tódalas idades e evitar o sobrepeso; dieta san, con restrición do consumo de sal e graxas saturadas; non fumar; e limitar o consumo do alcohol. A enfermidade renal ten un carácter progresivo e un desenvolvemento gradual que pasa por distintos estadios. O importante é previla ou, cando menos, detectala en fases iniciais para evitar o súa progresión. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde