PRETO DE 2.700 ESCOLARES DE 45 CENTROS EDUCATIVOS GALEGOS PARTICIPAN NA XX EDICIÓN DO PROGRAMA DA XUNTA ‘CLASES SEN FUME’ PARA A PREVENCIÓN DO TABAQUISMO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
04 06 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, clausurou esta mañá o programa da Xunta ‘Clases sen fume’ no que preto de 2.700 escolares de 45 centros educativos galegos reflexionaron sobre argumentos sobre os beneficios de dicirlle non ao tabaco.

No acto de entrega de premios, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández; pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses e, como patrocinadores do programa, representantes do Concello de Cerdeda e da empresa Monbus. 

Na XX edición do programa que desenvolven os departamentos autonómicos de Sanidade e Educación foron galardoados o alumnado de 2ºC do IES Agra de Raíces (Cee), gañador na categoría de Clases sen fume; 1ºA do CPR Sagrado Corazón-Celanova, na categoría de slogan; 1ºD do IES Breamo (Pontedeume), co 1º premio de actividade creativa; e con accésits: 2ºA do CPR Barreiro (Vigo); 1ºA do IES Monte Castelo (Burela); 1ºA do IES Politécnico (Vigo); 1ºB do IES Perdouro (Burela); 1ºA do CPR Galaxia (Ribeira) e 1ºB do IES Breamo. 

Na súa intervención, o conselleiro explicou que o programa ‘Clases sen fume’ vai dirixido á mocidade porque eles son os máis expostos a mensaxes que buscan atraer á xente nova cara a outras formas de consumo de nicotina máis atractivas, en cores e sabores, pero igual de perigosas para a saúde, como son os vapeadores. 

Nesta liña, Galicia está a tramitar a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas aditivas, que será pioneira en España ao equiparar os cigarros electrónicos ao tabaco convencional. Desta forma, búscase trasladar á poboación que os vapeadores están lonxe de ser inofensivos para a saúde. 

Para concienciar sobre os riscos do tabaco, que causa 8 millóns de mortes ao ano no mundo, a Xunta puxo en marcha o programa ‘Clases sen fume’ en 2002 coa participación de máis de 86.000 alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO.

O conselleiro rematou a súa intervención trasladando os parabéns aos 45 centros educativos e ás máis de 100 aulas participantes nesta edición do programa e agradecemento a implicación dos profesores, organizadores e patrocinadores. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde