A XUNTA TRABALLA PARA MELLORAR A ATENCIÓN SANITARIA DOS VECIÑOS DE FOLGOSO DO COUREL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 06 2024

A Xunta traballa para mellorar a atención sanitaria dos veciños de Folgoso do Courel. 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, trasladoulle á alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, que a atención sanitaria aos veciños está garantida e que desde a Consellería se están a tomar todas as medidas ao alcance para optimizar as prestacións que se lle prestan aos veciños que, en ningún caso, van quedar sen atención sanitaria.

O concello de Folgoso de Courel conta con 734 tarxetas sanitarias, das que 34 se corresponden con poboación pediátrica. A asistencia distribúese nun centro de saúde en Folgoso do Courel (con 377 tarxetas) e un consultorio en Seoane (con 357 tarxetas). En ambos os dous casos a dotación de persoal é dun profesional facultativo, un enfermeiro e un persoal de servizos xerais. 

O cadro de persoal ten cubertas todas as súas prazas. Porén, actualmente dáse a circunstancia da ausencia puntual e xustificada do persoal médico, polo que a asistencia mantense co resto de persoal e intersubstitucións de facultativos da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Na semana en curso as consultas médicas están cubertas: o luns, mércores e venres, media mañá en cada un dos dous centros. A Consellería de Sanidade, a través da Xerencia da área sanitaria, continúa a traballar para intentar cubrir o horario de consultas máis días.

Atención continuada ampliada

De acordo ao plan especial de cobertura de concellos de alta montaña, a atención continuada coordínase desde o Punto de Atención Continuada de Quiroga e trasládase ao municipio de Folgoso do Courel para reducir os tempos de atención en caso de urxencia. Desta forma, un equipo de médico e enfermeira do PAC de Quiroga sitúase en días alternos en Folgoso ou en Seoane en horario de 15 a 22 horas, de luns a venres, e de 8 a 22 horas os sábados, domingos e festivos. Na quenda de noite, este equipo de médico e enfermeira incorpórase ao PAC de Quiroga, que deste xeito conta con dous equipos de garda de noite. 

Cómpre lembrar que O Courel está catalogado como zona especial de alta montaña, o que implica melloras na atención sanitaria para compensar as dificultades de desprazamento. O feito de contar con esta clasificación implica que Folgoso do Courel conta con ampliación do horario para atención médica urxente: os días laborables, con atención médica urxente de 3 da tarde a 10 da noite; e os sábados, domingos e festivos, entre as 8 da mañá e as 10 da noite. 

Ante calquera incidencia sobrevida, profesionais da central de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, cunha gran capilaridade no territorio, prestarán a atención sanitaria requirida. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud