A XUNTA PUBLICA A ACTUALIZACIÓN DO DECRETO QUE REGULA O SISTEMA DE GARANTÍA DE TEMPOS MÁXIMOS DE ACCESO ÁS PRESTACIÓNS SANITARIAS PARA INCORPORAR 7 NOVAS PATOLOXÍAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 06 2024

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe​, a actualización do decreto mediante o que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas. Así, despois destes anos de experiencia, os bos resultados e o beneficio que para os pacientes galegos tivo esta modalidade asistencial implantada no ano 2018, a Xunta, a través da Consellería de Sanidade, decidiu ampliar os diagnósticos garantidos. 

A Xunta avoga por que a poboación galega se beneficie de ter outras patoloxías neoplásicas primarias garantidas, ademais de engadir unha liña específica dedicada á muller. Así, o éxito deste sistema, con máis de 293.000 pacientes beneficiados desde o ano 2018, leva ao Goberno galego a actualizar este decreto para ampliar as patoloxías recollidas, unha ampliación solicitada, ademais, polo Parlamento de Galicia nunha iniciativa aprobada no 2022 sen ningún voto en contra.

O Goberno galego incorpora sete patoloxías novas ao sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias, elevando ata 115 o número de enfermidades graves que van ter garantido o acceso a unha primeira consulta de especialista e a unha proba diagnóstica en menos de 45 días, e a unha intervención cirúrxica en menos de 60 días. Con esta ampliación dáse prioridade aos pacientes con patoloxías máis graves ou maior risco de complicación. 

Máis en concreto, incorpóranse tres patoloxías relacionadas coa saúde das mulleres (neoplasia maligna de útero, displasia de colo uterino e displasia vulvar leve e moderada), así como catro tipos de linfomas (de Hodking, folicular, non folicular, e de células T/NK maduras).

Igualmente, no ámbito da atención ás lesións potencialmente malignas do aparello reprodutor feminino, garántese as primeiras probas diagnósticas e/ou terapéuticas programadas e non urxentes relacionadas coa vía rápida de cancro de endometrio (informe anatomopatolóxico da biopsia endometrial, a histeroscopia o TAC e as probas de estadiaxe). 

Como no caso de todas as vías rápidas fixadas (cancro de pulmón, de mama, colorrectal,  próstata, vexiga, de cabeza e colo, melanoma, de endometrio e onco-hematoloxía), o obxectivo do Servizo Galego de Saúde é non superar unha media de 15 días na atención.

Para a  selección destes novos procedementos tívose en conta a gravidade das patoloxías, así como a efectividade da atención sanitaria e a oportunidade da atención, para, deste xeito, favorecer a recuperación da funcionalidade ou evitar a progresión da enfermidade.

Máis de 290.000 pacientes beneficiados

Desde a entrada en vigor en 2018 do Decreto polo que se regula o sistema de garantía de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas, beneficiáronse 293.382 persoas. 

Cos datos actualizados ata o mes de marzo, atendéronse nos prazos máximos fixados 66.151 persoas para cirurxías, 118.804 en consultas externas e realizáronse 108.427 probas diagnósticas e/ou terapéuticas.

Ata o de agora, as  patoloxías con tempos garantidos eran as patoloxías oncolóxicas malignas, insuficiencia aórtica, aneurismas cerebrais, neoplasias, carcinomas, hidrocefalia ou desprendemento de retina.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde