UN TOTAL DE 68 CANDIDATURAS PRESENTÁRONSE Á IV EDICIÓN DOS PREMIOS DE INNOVACIÓN EN SAÚDE DA CONSELLERÍA DE SANIDADE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 06 2024

Un total de 68 candidaturas presentáronse á IV Edición dos premios de innovación en saúde que, con carácter anual, promove a Consellería de Sanidade por medio da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS). Delas, 52 encádranse na modalidade de ideas de profesionais e as 16 restantes na dos pacientes, englobando candidaturas, tanto individuais, como procedentes de asociacións de doentes.

Ao acto de entrega destes galardóns, no que se proxectou un vídeo do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, felicitando aos galardoados, asistiu a secretaria xeral técnica, Natalia Lobato, quen destacou que os premiados son profesionais e pacientes do ámbito sanitario que traballan conxuntamente para conseguir un sistema público de saúde ”máis innovador e eficiente”. Tamén participou no acto o xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa. A entrega dos galardóns tivo lugar no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.

Natalia Lobato incidiu en que o sistema público de saúde galego leva apostando desde hai moito tempo por un modelo de innovación aberto e de enfoque social, ao abeiro do cal se creou a Rede de Nodos de Innovación Sanitaria, para que os profesionais, pacientes e demais perfís implicados no sector da saúde acheguen as súas ideas de mellora. 

A secretaria xeral incidiu en que, coa finalidade de impulsar a participación dos pacientes e profesionais do Servizo Galego de Saúde, dese o ano 2020 a Consellería leva impulsando sucesivas edicións destes premios que distinguen as ideas ou proxectos innovadores en dúas categorías: unha de profesionais e outra de pacientes, coidadores ou asociacións de doentes. 

O total de ideas innovadoras recibidas nestas catro edicións achégase ás 300, o que demostra o interese de profesionais e da comunidade pola contribución ao sistema de saúde galego. 

Natalia Lobato rematou a súa intervención animando a todos os profesionais, pacientes e asociacións a que sigan a participar activamente nas futuras edicións destes premios, cuxo obxectivo é facilitar a achega de ideas que axuden a mellorar a calidade de vida da cidadanía. 

Premiados

Como na edición anterior, outorgáronse dous premios en cada unha das modalidades. Na de pacientes, a gañadora foi a proposta presentada por Alberto Ruibal Ojea “Asistente Crohn: teu aliado na túa loita diaria”, que ten como obxectivo adquirir unha maior capacidade de autoxestión e autocoñecemento das persoas que padecen a enfermidade de Crohn. 

O segundo premio da modalidade de pacientes recaeu no proxecto “Programa de facilitación ao acceso á consulta xinecolóxica para mulleres con TEA”, presentado por ASPANAES, cuxa finalidade é favorecer que as mulleres cun trastorno do espectro autista poidan acceder ao coidado e vixilancia xinecolóxica igual que o resto das mulleres da sociedade. Recolleu o premio o seu presidente, Ignacio Labella Lozano.

Con respecto á modalidade de profesionais, o gañador desta edición foi o “Proxecto VidAped: Videoconferencia na consulta preAnestésica Pediátrica”, presentado por María Doniz Campos, Mª Jesús Fernández Cebrián e Rafael Pita-Romero Caamaño, que propón a utilización de novos recursos como a videoconferencia para mellorar a prestación de servizos, comezando por doentes pediátricos con diversidade funcional.

O segundo premio recaeu na proposta “Cronicidade360: unha ferramenta de saúde en base a IA”, presentado polo equipo formado por Mónica Martínez García, José Álvaro Fernández Rial, Juan Carlos Piñeiro Fernández e Roi Suárez Gil. O proxecto proposto é unha ferramenta dixital interactiva para control asistencial domiciliario que fusiona a perspectiva do paciente coa intelixencia artificial para anticipar e detectar descompensacións segundo os resultados en saúde en pacientes crónicos complexos.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud