A XUNTA RECIBE MÁIS DE 100 SOLICITUDES Á CONVOCATORIA DE INCENTIVOS PARA A REALIZACIÓN DE PROGRAMAS E ACTIVIDADES DE CARÁCTER SOCIOSANITARIO NO ÁMBITO DOS TRASTORNOS MENTAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 06 2024
 

O Diario Oficial de Galicia​ publica, na súa edición de hoxe, a necesidade de ampliar nun mes o prazo de resolución e notificación dos expedientes para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais, tras ter recibido un total de 105 solicitudes.

Na convocatoria deste 2024, a Xunta incorporou como novidade as actividades que teñan como destinatarias as persoas con síndrome de Down. Este cambio supuxo tamén cambios nas bases con respecto aos criterios de valoración, que agora son máis específicos, na procura de garantir a calidade dos programas seleccionados. Isto fai necesaria a ampliación do prazo para resolver e notificar as concesións destes incentivos, en réxime de concorrencia competitiva.

En total, a Consellería de Sanidade destina 300.000 euros para mellorar a calidade de vida das persoas con necesidades de atención sociosanitaria e aumentar a súa autonomía, favorecer a súa rehabilitación, mellorar a súa integración, ou paliar as posibles limitacións que atopan estas persoas no seu día a día. 

Na presente edición, o Executivo galego incrementou en 50.000 euros a partida orzamentaria destinada aos programas sociosanitarios que realizan as entidades sen ánimo de lucro. 

A Xunta impulsa catro liñas de axuda para apoiar a realización de actividades, accións e medidas dirixidas a apoiar aquelas persoas que teñen necesidades sociosanitarias especiais.

En concreto, a primeira liña de incentivos conta cunha partida de 115.000 euros e irá dirixida a impulsar os programas relacionados con enfermidades neurodexenerativas, como o alzheimer, a demencia ou o párkinson. A segunda liña de axudas, para as que se dispón unha partida de 65.000 euros, apoiará actividades vinculadas ao trastorno do espectro autista. A terceira liña dispón de 60.000 euros para programas que abordan o dano cerebral adquirido, a parálise cerebral ou a epilepsia. Por último, a orde reserva unha partida de 60.000 euros destinada a unha cuarta liña de axudas centrada nas enfermidades raras, o linfedema e a síndrome de Down. 

Deste xeito, a Xunta subvencionará aqueles programas que, relacionados con estas doenzas, aborden os eidos da rehabilitación fisioterapéutica, a logopedia, o ámbito cognitivo, as terapias ocupacionais ou o apoio psicolóxico destinado á atención e rehabilitación destes colectivos.

As entidades sen ánimo de lucro que queiran optar a estes incentivos puideron solicitar a súa inclusión nunha única liña do programa e optar a incentivos que oscilarán entre os 4.000 e os 12.000 euros.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde