A XUNTA DESTACA QUE O MODELO GALEGO DE PLANIFICACIÓN DO VERÁN PERMITIRÁ GARANTIR A ASISTENCIA SANITARIA FRONTE A INACCIÓN DO MINISTERIO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
05 06 2024
 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, transmitiu a súa decepción pola mala planificación da formación MIR por parte do Goberno de España e destacou que o modelo galego de planificación do verán permitirá garantir a asistencia sanitaria fronte á inacción do Ministerio de Sanidade.

Gómez Caamaño lamentou que o Ministerio de Sanidade, como leva facendo desde 2018, renunciase hoxe, de novo, a implicarse na solución ao problema de falta de persoal sanitario en determinadas especialidades de atención primaria e que se limitase, simplemente, a tratar de fiscalizar as planificacións das diferentes comunidades autónomas. 

O titular de Sanidade explicou que o Goberno de España non atendeu a petición das comunidades de anticipar a finalización do período formativo dos residentes de último ano que comezaron o MIR en setembro de 2020 a causa da pandemia, o que impedirá que poidan ser contratados este verán: concretamente na sanidade pública galega non se poderán contratar  127 novos médicos de familia e 26 pediatras.

Gómez Caamaño remarcou que as comunidades teñen a competencia na planificación e contratación de efectivos, pero que é o Ministerio de Sanidade o responsable de facilitar que haxa médicos e que as comunidades poidan contratar, ao igual que o Ministerio é o responsable de facilitar un marco xurídico que facilite ás comunidades poder realizar esas contratacións. 

Ante a inacción do Ministerio, Gómez Caamaño destacou que a Xunta está a planificar xa medidas para o reforzo de persoal sanitario no verán en función das necesidades das distintas localidades. 

Por unha banda, a Xunta ofrecerá aos MIR de último ano a posibilidade de apoiar, tanto as urxencias como a atención primaria, de forma voluntaria, con incentivos económicos e baixo supervisión. 

Tamén se contará cun grupo de médicos que se poidan desprazas ás zonas con posibles ausencias ou tensións puntuais, igualmente de forma voluntaria e incentivada economicamente. 

Ademais, a Xunta está a analizar a posibilidade de que médicos que teñan unha segunda residencia en zona de costa, con maior demanda asistencial no verán, poidan elixir traballar alí temporalmente. 

Todas estas iniciativas do Goberno galego contrastan coa actitude do Ministerio de Sanidade de renuncia das súas competencias para facilitar que haxa médicos dispoñibles para seren contratados polas Comunidades Autónomas. 

Entre as peticións de medidas que Galicia formulou e que deben adoptarse no ámbito estatal para dar solucións a curto prazo están que se axilice a homologación de títulos; que se modifique o sistema de elección de prazas MIR para evitar que queden prazas vacantes en medicina de familia; que se aprobe o Real Decreto para crear a especialidade de médico de urxencias; que se elimine a taxa de reposición en especialidades con déficit de profesionais; ou que se modifique o Estatuto Marco para elevar ata os 72 anos a idade máxima para o exercicio da profesión médica.

“A ministra non achegou nin unha soa solución eficaz a este problema compartido por todo o país”, manifestou o conselleiro de Sanidade.

Gómez Caamaño quixo trasladar tranquilidade á cidadanía galega porque a Xunta está a facer os seus deberes. A Consellería de Sanidade e as xerencias das áreas sanitarias están a realizar unha análise da situación para pechar a planificación do verán nos vindeiros días.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde