SEGUNDO PREMIO PARA UN PROXECTO NO QUE PARTICIPA UN CENTRO DA ASF, NOS IV PREMIOS DE INNOVACIÓN EN SAÚDE DO SISTEMA PÚBLICO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 06 2024

​A Área Sanitaria de Ferrol foi a sede onte da entrega dos IV Premios de Innovación do Sistema Público de Galicia, e un dos proxectos finalistas con participación da Área Sanitaria de Ferrol acadou un segundo premio: un proxecto de habituación á consulta xinecolóxica ou desensibilización xinecolóxica coa matrona do centro de saúde de As Pontes. Estes premios contaron coa presencia da Secretaria xeral do Sergas, Natalia Lobato, xunto coa do xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, entidade que tamén participou na coordinación destes galardóns. Foi unha xornada na que, trala inauguración por parte da nova xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Fernanda López Crecente, houbo unha conferencia inaugural sobre Innovación no Proceso Radiolóxico, que realizou José Albillos Merino, xefe do servizo de Radiodiagnóstico no Hospital 12 de Octubre de Madrid. 

No marco destes IV premios, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo, realizouse tamén unha Mesa: O ecosistema da Innovación galega, e o subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón Calvo, abordou a Innovación tecnolóxica en saúde; e a vicerreitora do Campus de Ferrol, Ana Isabel Ares Pernas, falou da Innovación no ámbito sanitario no campus industrial de Ferrol. Pechaba esta mesa o proxecto Telepalia, dos anfitrións deste acto de Innovación, e que explicou Marcelino Mosquera Pena, responsable da Unidade de Coidados Paliativos do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

Facilitar o acceso á consulta xinecolóxica para mulleres con TEA

Neste día dedicado a innovación, amosáronse tódolos traballos finalistas nos IV premios de Innovación. Eran dez, cinco de innovación para pacientes, e outros cinco de ideas innovadoras para profesionais. Entre os cinco finalistas dos proxectos de innovación no ámbito do pacientes, estaba o proxecto con pacientes da Área ferrolá para facilitar ó acceso á consulta xinecolóxica para mulleres con TEA Trastorno de Espectro Autista, realizado en colaboración con Aspanaes e profesionais do centro de saúde de As Pontes, e que acadou finalmente o segundo premio. 

Así, mulleres usuarias do Servizo de Atención Residencial Terapéutica de Aspanaes en As Pontes participan no proxecto de habituación á consulta xinecolóxica ou desensibilización Xinecolóxica coa matrona do centro de saúde de As Pontes. As persoas con Trastorno do Espectro Autista presentan certas características que lle poden producir rexeite á hora de acudir a unha consulta ou exploración médica, incluso ata a máis básica, facendo que a atención á saúde sexa más complexa. No caso do ámbito de Xinecoloxía, as probas que se realizan son moito máis invasivas que noutras áreas de saúde, por exemplo, a toma de mostras para un cultivo; e as posturas que teñen que adoptar máis estrañas. 

Por isto, matronas de As Pontes, en colaboración con Aspanaes, deseñaron un proxecto de desensibilización xinecolóxica coa fin de aumentar a tolerancia a estas probas médicas, e facilitar o acceso de xeito progresivo a este servizo. O que fixeron foi unha exposición gradual destas mulleres ás ditas probas, e avaliando cada un dos pasos, dende a visita da propia matrona ó centro para que se familiarizaran con ela, ata as aproximacións das pacientes á enfermaría, á consulta real da matrona. Este programa respecta o ritmo natural de cada usuaria; e conta coa colaboración dun equipo multidisciplinar, matrona, psicóloga, logopeda, e terapeita ocupacional. 

Fanse avaliacións concretas, contan con fichas específicas e estandarizadas para cumprimentar, e teñen apoio pictórico con cada unha das accións ordinarias que se levarán a cabo na consulta xinecolóxica. Destacan igualmente que, ademais de ofrecer unha atención máis achegada a estas mulleres, é tamén unha oportunidade para o sistema de saúde, xa que permite ós profesionais sanitarios coñecer e comprender as características específicas destas pacientes, e desenvolver novas formas e ferramentas de atención. 

Seguimento completo e continuados dos pacientes

Por último, facer referencia a Telepalia. Marcelino Mosquera deu conta dun proxecto no que se está a traballar dende a Unidade de Coidados Paliativos e mediante o que se pretende crear unha plataforma de telemonitorización dos e das pacientes atendidas na Unidade de Coidados Paliativos do CHUF. Así, os e as profesionais terán un seguimento máis continuado e completo dos mesmos, ampliando coa tecnoloxía a visita física habitual de control. Os e as pacientes poderán tamén intercambiar mensaxes, chamadas ou videoconferencias cos profesionais desta Unidade.

Este proxecto levarase a cabo a través de Telea, que é unha plataforma de monitorización de pacientes do Sergas, e ampliará e facilitará aínda máis a comunicación directa que xa existe neste centro cos pacientes, explicaba onte. No marco deste proxecto, aváliase a viabilidade de implantar a teleasistencia, facendo un seguimento proactivo e con intercambio de información en tempo real, facendo que a atención sexa aínda máis eficiente e centrada no paciente. Establécense unha serie de factores e escalas de control clínico, que poidan ser tratables e incluso reversibles, como por exemplo escalas de diferentes síntomas, como a dor ou outras cuestións relacionadas. Monitorizaranse, polo tanto, síntomas descompensados ou tamén os tratamentos e o control da sua adherencia a eles, evitando o traslado innecesario do paciente ó ámbito hospitalario para poder modular estas cuestións. 

Nun primeiro chanzo, trátase dun “cambio no modelo de xestión con apoio da tecnoloxía”, explicaba, un proxecto transversal de recollida de datos e realización de procedementos non invasivos con pacientes do Complexo, e que se realizará no Hospital Naval do Complexo. Os e as profesionais da Unidade serán quen teñan o contacto cos pacientes, facilitaranlles o acceso á plataforma, e estarán en contacto con eles para ver a viabilidade do proxecto nos distintos aspectos clínicos estipulados. 

Así, en resumo, Telepalia implica facer un cribado de pacientes con necesidades de atención paliativa; categorizar a eses pacientes cun plan individualizado para cada un deles; detectar as posibles crises clínicas que se produzan fora da súa visita física de control ó centro; priorizar as súas demandas, e realizar proctividade de pacientes fráxiles. Estas cousas que se xa se fan de xeito presencial, faranse agora tamén a través da tecnoloxía e a telemedicina, de xeito máis intenso e continuado.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde