A UNIDADE DE COIDADOS CRÍTICOS CIRÚRXICOS-REANIMACIÓN DO CHUAC OBTEN O CERTIFICADO DE CALIDADE AENOR UNE EN ISO 9001:2015
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 06 2024

Unha das maiores preocupacións do Servizo Galego de Saúde é mellorar a asistencia sanitaria á poboación, logrando niveis elevados de calidade e seguridade para o paciente. Dentro desta política, a Unidade de Coidados Críticos Cirúrxicos-Reanimación do CHUAC acaba de obter a certificación AENOR que apoia o sistema de xestión da calidade, conforme ás esixencias normativas internacionais como a UNE-EN ISO 9001:2015.

A acreditación certifica que o enfoque dos coidados oriéntase aos procesos e persegue optimizar o desempeño global, a través dunha mellora continua na calidade da atención e na seguridade proporcionada aos pacientes e a súa contorna. Isto lógrase ao satisfacer as súas necesidades e expectativas, mediante un servizo accesible e humanizado, no que de forma cíclica e continuada os procesos planifícanse e documéntanse, lévanse a cabo, avalíanse e modifícanse, de acordo aos resultados obtidos nos diferentes indicadores medidos. Establécense obxectivos con prazos específicos de execución, identifícanse oportunidades de mellora, e se detectan e analizan, dentro de cada proceso, os riscos existentes, para neutralizalos ou minimizalos. Ademais, o sistema está sometido a auditorías internas periódicas sendo certificado por unha empresa auditora externa (AENOR), que verifica anualmente o seu correcto funcionamento.

O alcance do sistema de xestión abarca os procesos prestados aos pacientes Críticos Cirúrxicos do Hospital Universitario da Coruña: desde o seu ingreso e estabilización, pasando polo seu seguimento, ata a alta do paciente da Unidade.

A implantación do Sistema, coordinada co Servizo de Calidade do Hospital, supón un cambio de paradigma na atención ao paciente Crítico Cirúrxico, que sempre foi o centro de todos os coidados que proporcionan os equipos de profesionais que traballan no día a día da Unidade (Anestesiólogos/as, Enfermeiras/os, Técnicos/as de Coidados de Enfermería, Fisioterapeutas, Celadores/as e Persoal de Limpeza), co soporte que proporcionan outros Servizos do Centro (Unidades de Hospitalización, Radioloxía, Laboratorios, Farmacia, empresas de loxística, servizos e mantemento).

A Unidade é a segunda destas características que se certifica na Comunidade Autónoma, e a primeira en incluír coidados críticos de pacientes transplantados e cirúrxicos complexos. Os máis de 1.700 ingresos anuais, ratifican o compromiso e o liderado na atención e o coidado ao paciente cirúrxico. Por último, a certificación supuxo unha panca de cambio na mellora do traballo en equipo dentro da Unidade, aliñando os obxectivos dos diferentes profesionais que a forman e redundando nunha mellora na satisfacción co desempeño realizado.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde