MÁIS DE MEDIO CENTENAR DE PERSOAS PASARON POLAS OITO ANDAINAS SAUDABLES DO CENTRO DE SAÚDE DE PONTEDEUME
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 06 2024
 Un total de 59 persoas se anotaron á I edición de andainas saudables do Centro de Saúde de Pontedeume. Foron un total de oito encontros que organizou un grupo multidisciplinar de profesionais deste centro da Área Sanitaria de Ferrol, conformado polo enfermeiro especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, Diego Mella Tembrás; o dietista nutricionista, Adrián Pereiro García; e a fisioterapeuta, Fátima Martínez Villar, e que contaron coa colaboración de ata 12 profesionais máis contado cos residentes de Medicina e de Enfermaría Familiar e Comunitaria do centro.

Convocouse un día á semana, preferentemente os mércores, de 11:30 e 12:30, entre os meses de abril e xuño. Remataba esta edición de oito andainas, onte mércores día 5; e entregaron a tódolos asistentes un Diploma en recoñecemento á participación na I Edición das andainas saudables de Pontedeume. Podíase apuntar calquera cidadán. A media diaria de persoas que asistiu a estas andainas foi de 27 (35 o día que máis e 21 o día que menos). A media de idade dos participantes era de 67 anos, indo o rango dende os 42 ata os 89 anos.

Quen o desexara, xa que estaban dirixidas a todos os perfís e idades, só tiñan que se presentar ás 11:30 no centro de saúde de Pontedeume nos días indicados. Eran 60 minutos de traballo con quecemento previo, andaina e estiramentos posteriores, aprendendo a afrontar a andaina do xeito máis correcto. Aproveitouse igualmente para que os profesionais ofrezan información sobre pautas de alimentación saudable.

Obxectivo cumprido

O obxectivo era o empoderamento da poboación no coidado da súa saúde, coa realización de actividade física e promoción da saúde para a prevención da enfermidade. Xunto con isto, “concienciar á poboación da importancia da mellora dos hábitos saudables e o impacto sobre a saúde; establecer vencellos sociais e reforzar as relacións entre as persoas participantes; reforzar pautas de alimentación saudable, así como resolver dúbidas frecuentes e aportar información veraz sobre nutrición e alimentación; e potenciar a presenza do equipo sanitario no ámbito da comunidade”.

Estes profesionais partían da base de que as enfermidades cardiovasculares son unha importante causa de mortalidade e morbilidade, sendo a principal causa de morte en España. Xunto con isto, que o 37% da sociedade española ten sobrepeso e o 16% obesidade. Realizar actividade física de xeito regular constitúe un piar fundamental á hora de abordar a maioría dos factores de risco cardiovascular. 

As directrices da Organización Mundial da Saúde sobre  actividade física en adultos de entre 18 e 64 anos indican a recomendación de actividade aeróbica moderada durante entre 150 e 300 minutos semanais á semana, e actividade física aeróbica intensa durante 75-150 minutos semanais. Nos adultos maiores de 65 anos, esta recomendación complétase coa realización de actividades físicas variadas multicompoñente que lles permite mellorar a capacidade funcional e previr caídas. 

Estes obxectivos víronse cumpridos, xa que se pasou unha enquisa de satisfacción e mellora tralo remate deste ciclo de andainas con resultados moi positivos. Moitos dos participantes destacan o desexo de que se fixeran máis andainas, máis días á semana e durante máis meses. A cualificación foi segundo os implicados, “de 10”, subliñando o valor da socialización e de coñecer xente gañando saúde.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde