O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE AGARDA QUE O CONCELLO DE MEIRA APROBE A ADAPTACIÓN DO PLAN URBANÍSTICO PARA LICITAR AS OBRAS DE AMPLIACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 06 2024

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, remarcou hoxe, na Comisión 5ª de do Parlamento de Galicia, que a Xunta está á espera de que o Concello de Meira aprobe a modificación urbanística para licitar as obras de reforma e ampliación do centro de saúde.

Coa ampliación prevista pola Xunta, o centro de saúde  pasará dunha superficie de 368 metros cadrados a máis de 1.000.

Como consecuencia da ampliación que vai levar a cabo a Xunta no marco do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, o centro, ademais de medrar en espazos, ampliarase nunha consulta de enfermería pediátrica, unha sala polivalente e unha de técnicas, entre outras dependencias. 

O Punto de Atención Continuada tamén se vai ampliar cun box de críticos e co incremento das habitacións de descanso. Ademais, o novo PAC vai contar cun espazo para albergar o equipo da ambulancia do 061. 

Deste xeito, e grazas a esta actuación de ampliación na que o Goberno galego investirá 2,5 millóns de euros, o centro quedará adaptado aos novos requirimentos asistenciais do modelo de atención primaria cara o que a Xunta quere dirixirse.

Na súa intervención o xerente do Sergas remarcou a contía récord de máis de 60 millóns de euros recollida no capítulo de investimentos da Xunta para atención primaria este ano, que permitirá compaxinar a construción ou reforma de máis de 20 centros de saúde, xunto coa renovación do seu equipamento diagnóstico; mostra do compromiso do Goberno galego con este nivel asistencial, en particular, e coa sanidade pública en xeral.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde