A DIRECTORA XERAL DE SAÚDE PÚBLICA PON EN VALOR AS CAMPAÑAS DE VACINACIÓN DA XUNTA COMO UNHA REFERENCIA NACIONAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 06 2024

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, puxo en valor as campañas de vacinación da Xunta, que están a ser un exemplo a nivel nacional. 

En resposta a unha pregunta no marco da Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, a directora xeral de Saúde Pública avanzou as liñas de acción do departamento que dirixe en materia de vacinación. 

Ao respecto, subliñou que a primeira delas é revisar e avaliar a evidencia científica sobre novas vacinas ou as novas indicacións, así como desenvolver redes de vixilancia epidemiolóxica para enfermidades transmisibles. 

Tal e como remarcou a directora xeral, coa información obtida, tanto da vixilancia como das vacinas comercializadas, pódense tomar as decisións sobre que terapias de inmunización é necesario incluír no calendario de vacinación para toda a vida.

A segunda liña de acción sinalada por Carmen Durán ten que ver coa investigación en inmunización. Así, a través da Escola Galega de Saúde Pública, o departamento sanitario galego mantén colaboración con grupos de investigación, algo que permitiu poñer en marcha o estudo Nirsegal coa inmunización fronte ao Virus Respiratorio Sincitial, ou o ensaio clínico Galflu coa vacina de alta carga da gripe. Esta liña de traballo demostrou que a vacina para o Virus Sincitial amosa unha efectividade do 82% para evitar a hospitalización por esta infección en bebés.

Xunto ao anterior, como terceira das liñas de traballo, Carmen Durán incidiu en que Sanidade iniciou unha xestión baseada na investigación traslacional, de maneira que os resultados que se obteñan dos estudos de investigación sirvan a saúde pública para definir a estratexia de inmunización e avaliar as xa implantadas.

Aposta pola transparencia e fitos destacados

Na súa intervención, Carmen Durán destacou o traballo que a Xunta está a facer pola transparencia. Citou como primeiro paso o desenvolvemento do Observatorio Galego de Saúde Pública que incorpora indicadores sobre vacinas, así como a publicación, en tempo real e en diferentes idiomas, dos resultados que se están a acadar na vacinación do Virus Respiratorio Sincitial, para permitir que outros países os puidesen analizar e incorporar.

A directora xeral de Saúde Pública resaltou que a comunidade galega conta cun calendario para toda a vida co obxectivo de que non se vincule a prevención e a inmunización só coa idade. Explicou que os especialistas catalogan o calendario de inmunización de Galicia como o máis completo do mundo, un calendario que responde á análise minuciosa das necesidades da cidadanía galega en canto ás enfermidades inmunoprevibles.

Tamén puxo en valor a innovación en Galicia no que atinxe á xestión das campañas de vacinación, que están a ser un exemplo a nivel nacional, utilizando sistemas de citacións dixitais, códigos QR para axilizar o proceso de administración, ou ofertar á cidadanía todos os centros sanitarios con horarios flexibles, entre outras medidas.

Carmen Durán rematou a súa intervención aludindo á responsabilidade da cidadanía galega que, ano tras ano, fai que Galicia se sitúe coas taxas de vacinación máis alta en covid e gripe, superando amplamente a media do conxunto do Estado.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde