O SERVIZO VETERINARIO DE INSPECCIÓN DE SAÚDE PÚBLICA DE PONTEVEDRA, PIONEIRO EN ESPAÑA AO ACADAR A ACREDITACIÓN PARA O CONTROL OFICIAL DE MATADOIROS E INDUSTRIAS AGROALIMENTARIAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 06 2024

O Servizo Veterinario de Inspección de Saúde Pública de Pontevedra, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, é pioneiro en España ao acadar a acreditación de calidade para o control de matadoiros e industrias agroalimentarias outorgada pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). 

A ENAC é o organismo designado pola administración española para establecer o sistema de acreditación a nivel nacional, de acordo ás normas internacionais e seguindo as políticas establecidas pola Unión Europea. É, polo tanto, o único organismo para outorgar acreditacións deste tipo en España, moito máis esixentes que as certificacións de calidade, xa que avalan a competencia técnica nun determinado ámbito. 

Os servizos de inspección veterinaria de saúde pública da Consellería de Sanidade son os encargados de realizar as actuacións de control oficial da cadea alimentaria en Galicia nos establecementos alimentarios para verificar o cumprimento da normativa de seguridade alimentaria con fin último de reducir ao mínimo os riscos para a saúde asociados ao consumo de alimentos.

Desde o ano 2012, o persoal inspector veterinario de Saúde Pública xa realizaba as súas actuacións mediante procedementos de calidade baseados na norma UNE-EN-ISO/IEC 17020, que a partir de agora foron recoñecidos coa marca ENAC. Este recoñecemento é a confirmación dun traballo serio, formado e comprometido levado a cabo pola inspección de saúde pública e que garante a excelencia do seu persoal.

O camiño ata conseguir esta distinción supuxo a realización de exames exhaustivos por parte da ENAC que inclúen, tanto auditorías documentais como visitas de acompañamento na realización dos labores de inspección. Este proceso implicou o afianzamento do sistema de calidade coas normas e procedementos de actuación perfectamente establecidos e planificados que garanten a uniformidade, a calidade e a transparencia das actuacións de control oficial.

O amplo alcance desta acreditación pola norma UNE-EN-ISO/IEC 17020 que establece os “requisitos para o funcionamento de diferentes tipos de organismos que realizan a inspección” inclúe actividades de control oficial (inspeccións, auditorías e toma de mostras) en industrias alimentarias, matadoiros, lonxas e comercio polo miúdo.

Na actualidade Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en acadar esta acreditación de ENAC no ámbito agroalimentario e, en concreto, no ámbito da seguridade alimentaria, sendo os servizos de inspección veterinaria de saúde pública da Consellería de Sanidade os primeiros en España, en recibir a distinción en competencia técnica da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC). 

A acreditación é unha ferramenta que garante a seguridade e integridade das actividades de avaliación e control que interveñen nun sector chave para as políticas públicas como a protección da saúde. Ademais a acreditación é unha actividade regulada en Europa, polo que o seu uso en diferentes países ofrece plena garantía de compatibilidade e harmonización.

Esta acreditación da inspección de saúde pública vense sumar á acreditación pola norma UNE-EN-ISO/IEC 17025 do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia acadada no ano 1998 sendo no seu momento tamén o primeiro laboratorio de saúde pública que se acreditou en España.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde