A XUNTA AVANZA NAS OBRAS DA PRIMEIRA FASE DO NOVO HOSPITAL PÚBLICO DE MONTECELO QUE ACADAN XA UN GRAO DE EXECUCIÓN DO 75%
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
06 06 2024


A Xunta avanza nas obras da primeira fase do novo Hospital Público de Montecelo, que acadan xa un grao de execución do 75%.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, supervisaron hoxe en Pontevedra a marcha da maior obra pública programada na cidade e que suporá a unificación de unidades asistenciais sanitarias. No percorrido pola obra participou tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o xerente da área sanitaria de Pontevedra – O Salnés, José Manuel Flores.

Martínez Allegue explicou as actuacións desenvolvidas nas obras do novo Montecelo, onde se centralizarán as urxencias, as unidades de coidados intensivos e especialidades sanitarias, e nas que traballan neste momento case 200 operarios. Referiuse, tamén, ás actuacións do Concello, que está a executar as obras de acometida de saneamento e pluviais e xa está a redactar a acometida eléctrica. Ademais, púxose en servizo o vial perimetral.

Tal e como sinalou a conselleira, son 92.000 metros cadrados de nova superficie construída para acadar “unha infraestrutura moderna, sostible, e sobre todo funcional que suporá maior eficacia asistencial”. Tamén, tal e como apuntou, a  forma de “Z” da planta da hospitalización do Novo Montecelo converterase nunha marca do propio edificio, “que singulariza un inmoble cuxo único propósito é facilitarlle o traballo ao persoal do Servizo Galego de Saúde para que coiden, curen e salven vidas”. Isto, segundo indicou, será posible o ano que ven, no 2025.

Martínez Allegue indicou que as obras que executa o departamento que dirixe por encomenda da Consellería de Sanidade, no marco do Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal que desenvolve o Plan Director, reserva ademais un espazo de preto de 35 hectáreas no seu ámbito para un novo aparcamento.

Explicou que nesta 1ª fase da ampliación do hospital estase xa a executar un aparcamento en urxencias de 128 prazas e tramítase a construción dun novo con 892 prazas mais (na beirarrúa contraria da avenida Montecelo). Martínez Allegue concretou que o aparcamento se concibe  integrando o hospital e a paisaxe, incluíndo os elementos precisos – plataformas ou ramplas – para facilitar a accesibilidade, con accesos axeitados para persoas con mobilidade  reducida.

A conselleira precisou que a infraestrutura contempla tamén unha cafetería no novo edificio que ademais servirá de punto de conexión entre o antigo e o novo hospital. Estará no mesmo nivel que o acceso ao novo edificio hospitalario e contará cun espazo aberto, das que destacou tamén as espectaculares vistas de Pontevedra e da súa ría.

Martínez Allegue adiantou que tanto esta nova cafetería, que conta cun orzamento de case 4 M€, como  o novo aparcamento, se espera poida estar en servizo a finais do 2026.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade precisou que o Novo Montecelo suporá un antes e un despois na atención sanitaria que se lle presta ás máis de 300.000 persoas que engloba a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

Así, ademais de centralizar as urxencias, as unidades de coidados intensivos e as especialidades sanitarias; o novo centro hospitalario ampliará en máis dun cento o seu número de camas.

Do mesmo xeito, o Novo Montecelo permitirá contar con novos servizos de Radioterapia e Medicina nuclear, unhas melloras que evitarán  o desprazamento de máis de 500 pacientes cada ano ata Vigo, dado que poderán recibir os seus tratamentos no hospital de Pontevedra.

Gómez Caamaño tamén destacou que o compromiso da Xunta coa Sanidade pontevedresa posibilitará que esta área conte por primeira vez cunha UCI pediátrica e mellorar os coidados da saúde mental infanto-xuvenil, coa posta en marcha dun hospital de día na cidade de Lérez.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud