GALICIA REXISTRA UN AUMENTO DO 57% NO NÚMERO DE DOADORES DE ÓRGANOS E DO 32% NOS TRANSPLANTES DURANTE OS PRIMEIROS 5 MESES DE 2024
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 06 2024


Galicia rexistrou un aumento do 57% no número de doadores de órganos e do 32% nos transplantes durante os primeiros cinco meses de 2024 con respecto ao mesmo período do ano anterior. 

Con motivo da conmemoración esta semana do Día Nacional do Doador de Órganos e do Día Mundial do Paciente Transplantado, a Xunta celebra as cifras acadadas, tanto de doazón como de transplantes nestes primeiros meses do ano.  

Tanto a Consellería de Sanidade como a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS)  remarcan a excelente evolución experimentada en Galicia polos programas de captación de doadores e de actividade de transplante.

Excelente evolución

Ata finais de maio realizáronse en Galicia un total de 186 transplantes de órganos, cun incremento acumulado do 32% neste tipo de intervencións. O transplante de ril, nos primeiros 5 meses do ano, experimentou un crecemento do 26%. No caso do fígado, o aumento foi do 61%, do 10% no caso do transplante de corazón e do 25% nos transplantes de pulmón.

Resulta especialmente salientable a cifra de 66 doadores de órganos a data de 31 de maio, xa que supón un crecemento do 57% con respecto aos 42 doadores rexistrados no mesmo período do ano 2023.

Desde o inicio do programa de transplantes, ata a actualidade, en Galicia rexistráronse preto de 3.500 doazóns de órganos. Desde a Coordinación Autonómica de Transplantes de Galicia saliéntase unha evidente tendencia ao descenso da resposta de negativas familiares á doazón de órganos nos últimos anos. O pasado ano rexistrouse un índice de  negativa do 15,5%, tres puntos menos que no exercicio precedente. 

Neste sentido, a Xunta fai un sincero recoñecemento a todos os doadores de órganos e ás súas familias, xa que co seu xesto solidario contribúen de xeito decisivo a posibilitar a actividade de transplantes dos hospitais galegos e á recuperación de miles de doentes.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud