O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA QUE O CENTRO DE PROTONTERAPIA E O IMPULSO DAS TERAPIAS AVANZADAS CAR-T SITÚAN GALICIA COMO REFERENCIA NA MEDICINA DE PRECISIÓN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
07 06 2024


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou que o Centro de Protonterapia e o impulso das terapias avanzadas CAR-T sitúan a Galicia como referencia na medicina de precisión. Se apostamos por un sistema sanitario público que sitúe ao paciente no centro, temos que demostralo destinando recursos á procura das terapias que logren os mellores resultados en saúde, remarcou Gómez Caamaño.

O titular da carteira sanitaria visitou hoxe, no Monte da Condesa, o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia, para coñecer de primeira man os avances, espazos, persoal e proceso de traballo das súas instalacións. No acto, o conselleiro estivo acompañado polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva; pola xerente de Galaria, Rocío Mosquera; e pola responsable do centro, Mariona Baliu.

Tal e como sinalou o conselleiro, neste centro, que conta cunha superficie de máis de 1.000 m2, traballa un equipo de profesionais do máximo nivel para achegar aos pacientes galegos os tratamentos máis avanzados fronte ao cancro. 

Segundo explicou Antonio Gómez Caamaño, este centro vai permitir fabricar “soldados biolóxicos” que loitarán contra o cancro desde as propias células dos pacientes. 

Esas terapias avanzadas con células CAR-T, tamén coñecidas como terapias de linfocitos, consisten en modificar xeneticamente as células inmunes dos pacientes para que poidan combater as células tumorais. Trátase de medicamentos de alto impacto clínico e asistencial que, nalgúns casos, acadan unhas taxas de resposta do 80%.

O conselleiro sinalou que, así como Galicia vai ser a primeira comunidade en ofrecer tratamentos de radioterapia con protóns, cómpre poñer en valor tamén, proseguiu o conselleiro, a aposta da Xunta pola incorporación dos “tratamentos máis disruptivos” contra o cancro, a través das terapias CAR-T. 

Neste sentido, remarcou que a Xunta aprobou, a finais do pasado ano, destinar 127 millóns de euros á adquisición de novos medicamentos CAR-T e, en maio deste ano, autorizou investir máis de 12 millóns á subministración dun innovador medicamento CAR-T para pacientes con linfoma.

Gómez Caamaño incidiu en que estas novas terapias vanse aplicar coa máxima seguridade e, por iso, Sanidade está na fase de supervisión e control, para ter a garantía de que se cumpren todos os requisitos de calidade. Na actualidade, o Centro de Terapias Avanzadas continúa a súa actividade en probas á espera de obter a autorización da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

Vontade de colaboración

O máximo responsable da sanidade pública galega puxo en valor o traballo enorme detrás deste proxecto, que é unha das grandes apostas da Consellería de Sanidade, e na que xa se investiron máis de tres millóns de euros para a dotación de recursos humanos, técnicos e tecnolóxicos de primeiro nivel.

Para o conselleiro, que Galicia conte con este centro supón que a nosa comunidade é un referente tanto na produción como na investigación destes tratamentos, e rematou a súa intervención agradecendo a vontade de colaboración de todas as entidades implicadas, a Xunta, as universidades e os institutos de investigación sanitaria; facendo unha especial referencia para o persoal do centro.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud