A ESTRATEXIA DE ECONOMÍA CIRCULAR DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE, FINALISTA NOS PREMIOS EUROPEOS DE SANIDADE SUSTENTABLE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 06 2024

O Servizo Galego de Saúde segue acadando recoñecementos internacionais polas súas medidas de sustentabilidade e protección do medio ambiente no sector sanitario. Nesta ocasión quedou finalista nos Premios Europeos de Sanidade Sustentable, que recoñecen a Estratexia de Economía Circular galega pola súa “contribución ao impulso da eficiencia e a sustentabilidade na asistencia sanitaria, cun traballo inspirador para a xestión en saúde co obxectivo de facerlle fronte aos efectos do cambio climático, mellorando o planeta e a vida das persoas”. 

Organizados por Health Care Without Harm (Atención Médica sen Dano) e patrocinados por Philips, os premios recoñecen proxectos e persoas que están marcando una diferenza real entre a redución do impacto ambiental nas actividades sanitarias en Europa. 

Dentro das tres categorías existentes, o Premio Bolmstedt á Innovación, Futuro Sustentable e Estrela Emerxente, o Servizo Galego de Saúde foi distinguido na primeira, que recoñece os proxectos sustentables que sexan exemplo dunha innovación de vangarda e que aceleren os cambios necesarios para impulsar un mellor sector sanitario para o planeta e as persoas. 

Este Premio á Innovación réndelle homenaxe a Anders Bolmstedt, presidente da xunta directiva de HCWH Europa entre 2017 e 2023, que achegou durante o seu mandato un liderado visionario apoiando as mellores prácticas en asistencia sanitaria sustentable. 

Distinguidos como campións climáticos  

Desde 2020, Health Care Without Harm distinguiu cada ano ao Servizo Galego de Saúde en diferentes categorías e foi elixido Campión Climático, co ouro en resiliencia, liderado e uso de enerxías renovables na súa xestión sanitaria durante o exercicio 2023.  

Así mesmo, o modelo de transporte sanitario sustentable da área sanitaria de Ourense formou parte durante este ano dos 38 estudos de casos modélicos da iniciativa global Health Care Without Harm, que convoca a 98 organizacións de 20 países para a posta en práctica de accións de descarbonización e resiliencia climática en todo o mundo. 

Medidas impulsadas polo Grupo de Traballo de Economía Circular

A Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, coordinada pola Empresa Pública de Servizos Sanitarios Galaria, busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación cultural baseada na sustentabilidade, que sirva ademais como estímulo para o cadro de traballadores do Sergas a continuar as medidas desenvolvidas desde hai xa dúas décadas.

Unha serie de medidas que permitirán aforrar custos, acadar unha maior eficiencia e diminuír as emisións en todas as instalacións sanitarias. Entre os obxectivos concretos está reducir en máis de 46.500 as toneladas anuais de emisións de CO₂ ata 2030, un 30%, é dicir, o equivalente a plantar máis dun millón de árbores. Ademais, o Servizo Galego de Saúde fíxase como obxectivo lograr as cero emisións no 2040. 

Para iso, a Estratexia inclúe diferentes medidas como a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles, a construción de centros sanitarios con materiais sostibles como a madeira, o ecodeseño de procesos asistenciais, o fomento da investigación en I+D neste eido ou fomentar o consumo responsable e sostible entre pacientes, traballadores ou provedores.

O grupo de traballo do Servizo Galego da Saúde da Estratexia de Economía Circular, formado por 20 especialistas, deseñou a folla de ruta desta estratexia para os vindeiros seis anos, centrada na análise da pegada de carbono e futura tendencia á descarbonización; nos proxectos tractores das áreas sanitarias como o Life Resystal CHUO, Interreg de Eficiencia energética CHUS, Coolfood Pledge Coruña-Vigo e Mentoring Low Carbon Lugo;  e na translación a Galicia da New European Bauhaus, coordinada desde a empresa pública de servizos sanitarios Galaria, con iniciativas como a construción dunha “cabana terapéutica” no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Ademais, a sanidade galega ten en marcha outros programas para a redución de uso de plásticos nos centros hospitalarios ou as emisións de gases á atmosfera que provoca o sistema de anestesia das intervencións cirúrxicas. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud