O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE E ROCHE FARMA COLABORAN NA REALIZACIÓN DE PROXECTOS NO EIDO DA MEDICINA PERSONALIZADA PARA MELLORAR A ATENCIÓN SANITARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 06 2024

 

A Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, e a entidade Roche Farma asinaron un acordo marco de colaboración para a promoción da investigación, innovación e formación orientadas á mellora da atención sanitaria no ámbito da medicina personalizada e de precisión. 

O acordo marco foi asinado no Edificio Administrativo de San Lázaro polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e polo director xeral de Roche Farma, Patrick Wallach. No acto tamén estiveron presentes, por parte do departamento sanitario galego, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva; e a responsable de Calidade, Alicia Piñeiro. En representación de Roche asistiron a directora de Healthcare Solutions, Nuria Soler; o director xeral para a zona norte, Javier Álvarez e Isidro Núñez, Healthcare Systems Partner.

Para a materialización destes proxectos e actividades no eido da medicina personalizada asinaranse acordos específicos nos que, entre outros temas, se recollerá o plan de traballo, os aspectos técnicos, os destinatarios e a súa vixencia e temporalidade.

O Servizo Galego de Saúde organizará e dirixirá cada unha das actividades, definindo o seu contido, os obxectivos a conseguir e, ademais, planificará o seu desenvolvemento.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou que este acordo con Roche Farma España supón un paso máis na aposta do Goberno galego por ser un referente na medicina de precisión. Ao respecto, remarcou que Galicia vai situarse na vangarda da investigación e a innovación sanitaria, coa posta en marcha do Centro de Produción de Terapias Avanzadas (CAR-T) e do Centro de Protonterapia de Galicia.

Gómez Caamaño incidiu en que a medicina personalizada permite á asistencia sanitaria converterse nun sistema preventivo, personalizado e preditivo e, grazas ao impulso desta medicina, a asistencia sanitaria pode ofrecer mellores tratamentos e diagnósticos máis sostibles aos pacientes. 

Ademais, para un servizo de saúde público resulta imprescindible manter un alto nivel de investigación, co obxectivo de avanzar cara a un sistema sanitario cada vez más eficiente. Como mostra, o conselleiro destacou que en materia de investigación sanitaria os orzamentos da Xunta de 2024 experimentan unha suba do 10%, ata acadar os 6,3 millóns de euros, o que supón duplicar o destinado en 2020, evidenciando o compromiso da Xunta nesta materia.

A Consellería de Sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, ten como un dos seus obxectivos a prevención e a atención sanitaria, sendo a súa finalidade impulsar, planificar, coordinar e avaliar as actuacións destinadas a mellorar o proceso de atención coa implicación de todos os axentes do sistema de saúde, co fin de establecer un marco de actuación integral.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud