A XUNTA PUBLICA A LICITACIÓN DA DIXITALIZACIÓN DA DOCUMENTACIÓN CLÍNICA DA ÁREA SANITARIA DA CORUÑA E CEE POR 4,5 M€
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
11 06 2024

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, publica no Portal de Contratos de Galicia a licitación por 4.514.012 euros do contrato de servizo de xestión e dixitalización de documentación clínica da área sanitaria da Coruña e Cee por un período de catro anos. 

O obxectivo deste contrato é acadar a mellor asistencia sanitaria á cidadanía e, para iso, o persoal sanitario dos centros que realiza o diagnóstico e tratamento dos pacientes ten que ter acceso á mellor información clínica dos doentes, como instrumento fundamental para a súa axeitada asistencia.

O prazo de recepción de ofertas das empresas que queiran desenvolver este contrato remata o martes 16 de xullo.

Dixitalización do historial dos pacientes

A historia clínica é o conxunto de documentos que conteñen os datos, valoracións e informacións sobre a situación e evolución clínica dun paciente ao longo do proceso asistencial. 

A implantación da historia clínica electrónica no Servizo Galego de Saúde significou unha variación das tarefas que se realizan no arquivo de historias clínicas, ao levar a cabo a dixitalización dos documentos en papel que custodia e a dixitalización dos documentos en papel que se seguen a utilizar para rexistrar datos e informacións de carácter asistencial.

Calcúlase que o número de historias clínicas que se dixitalizarán no período de catro anos de duración do contrato será de ao redor de 90.000.

Deste xeito, a xestión diaria da documentación clínica está composta polas historias clínicas que se conservan e circulan en formato físico, así como a documentación que é necesario transformar a un formato dixital para incorporala á historia clínica electrónica.

Así, entre as tarefas que se deben realizar no marco da prestación do servizo que se vai contratar están a xestión da documentación clínica en formato físico, como pode ser o seu almacenamento e custodia; o préstamo e arquivo do utilizado polos centros sanitarios e a trazabilidade da documentación; así como a dixitalización da documentación clínica, co almacenamento das copias na infraestrutura de xestión documental do Servizo Galego de Saúde, de xeito que poidan ser visualizadas desde a aplicación da historia clínica electrónica.

Novas opcións na historia clínica

Desde finais de 2023 está xa dispoñible para todos os profesionais sanitarios do Servizo Galego de Saúde a nova historia clínica electrónica, IANUS5. Esta ferramenta rompe as barreiras de acceso á información ao estar centrada no paciente e os seus problemas de saúde, permitindo aos profesionais traballar conxunta e independentemente do lugar de atención, xa sexa en atención primaria, atención hospitalaria e centros sociosanitarios.

Entre as principais novidades que inclúe IANUS5 está a carpeta persoal de saúde en liña, que permite aos pacientes gardar e compartir os seus datos de saúde cos seus profesionais, así como dispoñer da información xerada polos dispositivos implantados ou asociados ao paciente, como son os cardioimplantables, os dializadores domiciliarios, as bombas de infusión de insulina ou a medición continua da glucemia que logra un mellor control da enfermidade.

Estas opcións compleméntanse, ademais, coa posibilidade que agora teñen os profesionais de prescribir contidos e pílulas formativas aos cidadáns e comprobar a súa adherencia a esa formación, que ademais se axusta ás súas patoloxías. 

Coa nova historia clínica, o paciente pasa a ser un actor clave e activo na súa asistencia, dispoñendo de aplicacións móbiles como Sergas Diabetes ou Sergas Móbil, podendo enviar e recibir mensaxes cos seus profesionais, así como recibir asistencia mediante videoconferencia.

Ademais, IANUS5 proporciona aos profesionais ferramentas de detección de pacientes susceptibles de atención específica, así como unha proposta de seguimento, incorporando de forma continua algoritmos de intelixencia artificial á asistencia, como os usados actualmente en determinados diagnósticos por imaxe ou nos cribados, ademais da identificación de pacientes susceptibles de padecer unha determinada enfermidade rara diminuíndo así os tempos de diagnóstico. ​

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde