PREMIO NACIONAL DA SEPAR A PROFESIONAIS DA ÁREA SANITARIA DE FERROL POR UN TRABALLO SOBRE RECICLAXE DE CABICHAS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 06 2024

​Profesionais de Enfermaría dos Servizos de Pneumoloxía e de Interna, e facultativos do Servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol recibían esta fin de semana un dos "Premios SEPARpacientes 2024”, no Congreso da Sociedade Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica, que se celebraba en Valencia entre os días 6 e 8 de xuño. Estes premios recoñecen “o labor prioritario naqueles aspectos que achegan valor ó paciente, máis aló do coñecemento e alto nivel científico, que a nosa Sociedade sempre imprime nos congresos e reunións”, indican dende a organización da SEPAR.

Era premiado un traballo sobre reciclaxe de cabichas de tabaco: Que fas coas túas cabichas?, realizado por distintos profesionais do Complexo. A proposta dos candidatos foi realizada polo Comité de Congresos, escollendo as mellores comunicacións por cada Área de entre as que expresaran o seu desexo de participar na presente convocatoria; finalmente a elección das persoas premiadas levouse a cabo por parte dos Directores de SEPARpacientes.

Como indican, dan este galardón a aquelas “intervencións con impacto poboacional, que melloren a accesibilidade, que fomenten o traballo en equipo, a seguridade, que melloren as relacións mutuas entre os profesionais e o paciente, compartindo as decisións e a experiencia, son obxectivos esenciais destes premios”.

Que fas coas túas cabichas? 

Así, os e as profesionais da Área Sanitaria de Ferrol partían da base de que reciclar se converteu nos últimos anos nunha actividade importante; e “o consumo de tabaco e os seus refugallos, as cabichas, constitúen unha ameaza para a saúde da poboación e para o medioambiente, xa que tardan entre 1 e 10 anos en se descompoñer”. Doutra banda, existen proxectos e iniciativas para reciclar e reutilizar esas cabichas como paneis illantes, ladrillos ou cadernos. Polo que estas profesionais se marcan coñecer onde refugan as cabichas, e as ideas sobre a reciclaxe das mesmas, que teñen os pacientes e profesionais fumadores da Área Sanitaria de Ferrol.

Para iso, realizaron un estudo descritivo de corte transversal, mediante cuestionario ad hoc entre pacientes e profesionais sanitarios, con análise descritiva das variables e análises bivariado respecto ó tipo de vivenda e sobre a importancia que lle dan á reciclaxe. Dos resultado derívase que o perfil do enquisado é unha muller (67,2%), de ámbito urbano (60,3%), paciente (56,9%), que lle importa reciclar (72,4%), que ten en conta onde eliminar as cabichas (69%), e dos que teñen patoloxía respiratoria un 72,4%. A maior parte dos enquisados elimina as cabichas no lixo, seguido da papeleira, o cinceiro ou o chan. Outra das conclusións é que o 76% dos profesionais do Sergas se preocupa pola reciclaxe das cabichas.

Son variables estatisticamente significativas, explican, o respecto ó ámbito de vivenda, a importancia de reciclar, ter e conta onde eliminar as cabichas, traballar no Sergas, ou ter unha enfermidade respiratoria. Entre as conclusións, figura que “se realiza educación ambiental sobre a reciclaxe de refugallos, pero non referente ás cabichas, polo que atopamos descoñecemento sobre este aspecto en persoas concienciadas coa reciclaxe”. E engaden que “sería importante educar sobre a súa reciclaxe e á vez concienciar para que existan contedores específicos, o que melloraría notablemente o medioambiente”. Recollía o premio en nome dos profesionais, a enfermeira Pilar Darriba Rodríguez. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde