O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE ULTIMA O DISPOSITIVO ORGANIZATIVO PARA OS EXAMES DA CATEGORÍA DE MÉDICO DE FAMILIA DO VINDEIRO 23 DE XUÑO
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 06 2024
 

A directora xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Mar Pousa Cobas, presidiu esta mañá en Silleda unha reunión con representantes dos corpos de seguridade, emerxencias e persoal da Fundación da Semana Verde para ultimar os operativos de organización e seguridade, dos exames da OPE que se desenvolverán o vindeiro 23 de xuño no Recinto Feiral Internacional de Galicia.

Así, e desde as 9:30 horas da mañá, un total de 606 aspirantes acudirán á realización dos exames do concurso-oposición para acceder ás 271 prazas ofertadas na categoría de médico/a de familia. En concreto, 126 corresponden á quenda de acceso libre, 132 á quenda de promoción interna e 13 a de discapacidade xeral.

Acompaña pola subdirectora de Selección de Persoal, María José Montero Furelos, a directora xeral de Recursos Humanos destacou o traballo que realizan as persoas dos dispositivos de seguridade, control de acceso e seguimento das probas e amosouse confiada a que, grazas a ese labor, unha vez máis, a xornada de exames transcorra con total normalidade.

Deste xeito, e xunto coas persoas colaboradoras do Servizo Galego de Saúde que participarán nas tarefas organizativas das probas, o dispositivo completarase con efectivos da Garda Civil, Policía, Protección Civil, 061 e persoal da Fundación Semana Verde de Galicia.

Protocolo das medidas organizativas 

As probas selectivas realizaranse no Pavillón número 2 do Recinto Feiral de Silleda. Así, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) recóllese toda información referida ás distintas portas de acceso ao recinto e a relación dos  aspirantes comprendidos en cada unha delas.

De acordo ao protocolo de medidas organizativas para o desenvolvemento destas probas, os aspirantes deberán ter en conta que:

    • Non se realiza o chamamento dos aspirantes no exterior do recinto de realización das probas.

    • A acreditación para o acceso efectuarase a través de código QR, que o aspirante poderá obter a través de Fides/expedient-e e que deberá levar impreso o día do exame e conservar ata a finalización das probas. O código QR conterá información da data, hora, lugar, pavillón, porta de acceso e posto do exame que corresponde a cada aspirante, ademais de incluír indicacións xerais a ter contar para o acceso dos aspirantes e no desenvolvemento das probas.

    • Todos os aspirantes presentados ás probas selectivas terán dispoñible, a través de Fides/expedient-e, un certificado de asistencia, a partir do día seguinte ao de realización dos exercicios.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud