A XUNTA COLABORA CO COLEXIO DE FARMACÉUTICOS DE PONTEVEDRA NAS SÚAS POLÍTICAS DE CONTROL DAS INFECCIÓNS DE TRANSMISIÓN SEXUAL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
12 06 2024
 

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, interveu esta tarde na inauguración da Xornada de formación en infeccións de transmisión sexual (ITS) organizada polo Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. No acto sinalou o importante papel dos farmacéuticos comunitarios na prevención destas infeccións, xa que son un recurso sanitario accesible para toda a poboación e presente en todo o territorio.

Neste sentido, o técnico do servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Dirección Xeral de Saúde Pública, Rogelio Lema, centrouse nas políticas de control de ITS en Galicia. Entre as medidas incluídas no Plan galego anti VIH/Sida e outras ITS, que será actualizado proximamente, está a información para previr as infeccións.

No referente á detección precoz, o médico de Saúde Pública detallou os criterios que segue o recente programa Urxencias VIHxía para seleccionar as persoas candidatas a participar no cribado de VIH cando acoden ás urxencias do Servizo Galego de Saúde por outro motivo e así aumentar o diagnóstico precoz. Igualmente, en colaboración con entidades sociais, a Consellería de Sanidade realiza probas rápidas de detección de VIH no ámbito comunitario ou en zonas de ocio nocturno. 

Pola súa banda, a xefa de sección do servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Dirección Xeral de Saúde Pública, Sonia Touceda, informou sobre a magnitude destas infeccións e as súas tendencias epidemiolóxicas en Galicia, España e a nivel mundial. 

Ademais, o médico do servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Antonio Ocampo, tratou a sintomatoloxía, diagnóstico, tratamento e prevención das infeccións de transmisión sexual, centrándose na atención a persoas vulnerables; a farmacéutica do servizo de Microbioloxía do Hospital Povisa, Maria José Fernández, abordou os ámbitos da Microbioloxía e a Parasitoloxía dos axentes etiolóxicos das ITS ; e os farmacéuticos, Jose Antonio Fornos e Lucía Segovia, afondaron na importancia da farmacia comunitaria como referente no asesoramento e a educación sanitaria respecto das ITS como problema de saúde pública.

A xornada concluíu coa presentación da campaña sanitaria en farmacias e o proxecto de educación para a Saúde sobre ITS que se desenvolverá nos centros educativos da provincia pontevedresa, e que correu a cargo da presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Beatriz García.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde