O CONSELLEIRO DE SANIDADE DESTACA QUE A DOAZÓN DE SANGUE MEDRA ESTE ANO EN GALICIA, QUE FOI A 5ª COMUNIDADE MÁIS DOADORA EN 2023
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 06 2024


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe que a doazón de sangue medrou este ano en Galicia, que foi a 5ª comunidade máis doadora en 2023. 

O titular de Sanidade da Xunta doou sangue esta mañá na unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) instalada en San Lázaro e presentou, xunto coa directora da axencia, Marisa López, a campaña de doazóns nos meses de verán “Somos Olímpicos”, que se desenvolverá en máis de 20 concellos galegos. 

O conselleiro de Sanidade salientou o carácter especialmente solidario das galegas e galegos xa que, segundo datos publicados esta mesma semana polo Ministerio de Sanidad, Galicia é a quinta Comunidade Autónoma en índice de participación nas campañas de doazón de sangue e está 3 puntos por enriba da media de doazóns. 

Incentivar a colaboración

“Somos Olímpicos” é unha das iniciativas promovidas desde a Axencia para garantir que o volume de doazóns de sangue permaneza estable, entre 400 e 500 doazóns diarias, nun período especialmente sensible como é o verán e no que a demanda de compoñentes sanguíneos non diminúe.

As persoas que se despracen aos distintos concellos nos que está programada esta campaña, poderán doar sangue nas unidades móbiles e recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa. Así mesmo, ao carón dos vehículos de doazón de ADOS disporase unha montaxe alusiva aos Xogos Olímpicos como reclamo para que os veciños e veciñas se acheguen a doar sangue.

O conselleiro de Sanidade indicou que esta campaña principiará no xornada do venres 14 de xuño co gallo da conmemoración do Día Mundial do Doante de Sangue, na unidade móbil que estará na zona do Obelisco da Coruña das 10:00 ás 14:30 horas e das 15:30 ás 21:00 horas. Ademais, o programa de captación de doantes prolongarase ata finais do vindeiro mes de setembro.

Día Mundial do Doante

Gómez Caamaño lembrou que, como cada 14 de xuño, se conmemora o Día Mundial do Doante de Sangue, unha data na que se pon en valor o altruísmo e solidariedade dos doantes. Este ano celébranse os 20 anos da institucionalización, por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS), desta data destinada a salientar o labor esencial de todas as persoas que doan sangue, para posibilitar o desenvolvemento do intenso labor dos centros sanitarios.

En Galicia, desde 1993, ano no que se iniciou a campaña de captación de doantes de sangue en unidades móbiles, téñense recollido preto de 3.300.000 doazóns de sangue. Aínda que a comunidade galega ten experimentado un importante aumento no número de doazóns, resulta preciso reforzar o permanente chamamento á participación da cidadanía para que acuda a doar sangue, xa que non é posible obter de xeito artificial este elemento terapéutico de orixe humana.

Factores como a deslocalización dos doantes habituais por mor do período estival inflúen decisivamente na organización das campañas de doazón de sangue aínda que, as dez unidades móbiles de ADOS que percorren diariamente Galicia continuarán a prestar servizo aos cidadáns, así como os sete locais de doazón de sangue que continuarán traballando para favorecer a participación de todas as persoas que desexen doar sangue.

Iluminación conmemorativa

Na xornada previa ao Día Mundial do Doante de sangue, e como xeito de salientar o labor dos doantes de sangue, esta noite iluminaranse en vermello distintos edificios e monumentos das cidades galegas. 

A Fonte Catro Camiños (A Coruña), o Pazo de Raxoi e as Torres Hejduk da Cidade da Cultura (Santiago), o Teatro Jofre, a Casa Consistorial e a fonte do Cantón de Molíns (Ferrol), a fonte de Concepción Arenal (Ourense), a Casa Consistorial (Pontevedra) e as fontes da Rúa Aragón (Vigo) iluminaranse esta noite en vermello en recoñecemento ao solidario labor de miles de cidadáns que doan sangue.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud