O CONSELLO DE SEGURIDADE NUCLEAR SUPERVISA EN SANTIAGO O AVANCE DO CENTRO DE PROTONTERAPIA DE GALICIA, O MÁIS ADIANTADO DE ESPAÑA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 06 2024

O conselleiro de Sanidade, xunto coa xerente de Galaria, Rocío Mosquera, entre outros cargos do departamento sanitario galego, mantiveron hoxe unha reunión de traballo cunha delegación do Consello de Seguridade Nuclear, encabezada pola subdirectora de Protección Radiolóxica Operacional, Isabel Villanueva. 

O motivo da visita dos membros do Consello de Seguridade Nuclear é facer seguimento do proxecto e supervisión das obras do Centro de Protonterapia de Galicia. 

Durante o encontro de traballo entre o conselleiro de Sanidade e a delegación do Consello de Seguridade Nuclear revisáronse as etapas de execución do proxecto e repasáronse os requirimentos regulamentarios e administrativos necesarios para o licenciamento da instalación, que se centran en garantir a seguridade e a protección radiolóxica no funcionamento deste tipo de equipo. 

Segundo explicou na propia reunión o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, o Centro de Protonterapia de Galicia é o que se atopa nun estado máis avanzando dos nove proxectos do Sistema Nacional de Saúde e o obxectivo é que poida estar funcionando e tratando aos pacientes en 2026. 

Pola súa banda, a delegación do Consello de Seguridade Nuclear, composta pola subdirectora de Protección Radiolóxica Operacional, Isabel Villanueva, e pola Xefa de área de instalacións radiactivas médicas, María Luisa Ramírez, destacaron a importancia deste tipo de encontros para que as institucións poidan afrontar o proceso de licenciamento coas máximas garantías posibles e de forma coordinada co organismo regulador, establecendo espazos de diálogo que faciliten o proceso e poidan asegurar o éxito na consecución dos obxectivos fixados. 

Tras a xuntanza, os responsables da Consellería de Sanidade e da delegación do Consello de Seguridade Nuclear desprazáronse ata o lugar onde se está a construír o Centro de Prontonterapia de Galicia, para supervisar in situ o avance das obras.  

O primeiro fito deste proxecto de envergadura en medicina oncolóxica, no que a Xunta inviste preto de 20 millóns de euros, xa comeza a facerse realidade co inicio da cimentación central que lle dá soporte á infraestrutura, unha mostra da boa marcha das obras. 

Segundo o calendario que manexa a Consellería de Sanidade, a execución da parte de edificación convencional e instalacións auxiliares desenvolverase entre xuño de 2024 e abril de 2025.

O Centro de Protonterapia de Galicia pasa pola execución da obra dos dous búnkers, coa meta de deixar lista na primavera a obra e iniciar a instalación do equipamento. Os búnkers poderán albergar até dous equipos de protonterapia (radioterapia de protóns) modelo IBA Proteus One.  

En paralelo, o equipo coordinador de Servizo Galego de Saúde continuará con diferentes actividades de colaboración co Ministerio de Sanidade relacionadas co seguimento do proxecto, a formación do cadro de persoal, a protección radiolóxica e a tramitación de autorizacións, e tamén o desenvolvemento dunha plataforma de servizos á investigación en Protonterapia. 

Medicina de precisión en terapia oncolóxica

Coa entrada en funcionamento do Centro de Protonterapia de Galicia beneficiaranse desta terapia os pacientes do Servizo Galego de Saúde, pero tamén de Asturias e Castela e León. Atenderase especialmente as necesidades médicas daqueles doentes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo na poboación infantil. 

A protonterapia é unha modalidade especial de radioterapia que emprega un feixe de protóns que permiten unha maior precisión ao impartir a dose de radiación, diminuíndo os efectos adversos en tecidos e órganos sans que rodean o tumor.   

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde