​O HOSPITAL DO SALNÉS ACOLLE A EXPOSICIÓN ITINERANTE DO 'V CONCURSO DE CARTEIS PARA ESCOLARES RELACIONADO COA DOAZÓN E OS TRANSPLANTES'
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 06 2024

A exposición itinerante do V Concurso de Carteis para Escolares relacionado coa Doazón e os Transplantes poderá visitarse desde hoxe e ata finais de semana na entrada principal do Hospital do Salnés de Vilagarcía de Arousa. Dita mostra foi inaugurada esta mañá polo xerente da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Flores, acompañado pola tenente de alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tania García, as concelleiras municipais Marta Ferradáns e Ana Granja, o deputado provincial Javier Tourís e o presidente da Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi), Celso García, quen promove esta iniciativa na que tódolos anos participan centos de alumnos galegos de Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria.


No transcurso desta inauguración -á que tamén asistiron a directora do distrito sanitario de O Salnés, Encarnación Lucas e o subdirector de Enfermaría deste distrito, Carlos Pol- fíxose mención aos premios honoríficos recibidos polo colexio Sagrado Corazón de Xesús da cidade de Pontevedra, que obtiveron o primeiro premio na categoría do primeiro ciclo da ESO cun debuxo titulado “Doa tempo”. Para este traballo, o alumnado participante na iniciativa contou co apoio do profesorado dese centro educativo.


Traballos galardoados

Nesta quinta edición do concurso de carteis para escolares relacionados coa doazón e o transplante, resultaron premiados nas categorías de quinto e sexto de educación primaria, co primeiro premio o debuxo co lema “Non importa o órgano, agora toca doar e salvar vidas”, Jimena Domínguez García, do CEIP Vista Alegre de Burela (Lugo); e o segundo premio foi para “Transplanta vida. Doa”, de Greta Abella Alvarez, do CEIP Castrelo de Miño (Ourense).


E na categoría de primeiro ciclo da ESO, acadou o segundo premio a obra “Vivir ou non vivir, esa é a cuestión”, de Isis Acea Portabales, do IES Escolas Proval de Nigrán (Pontevedra). Con esta iniciativa, o Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue -ADOS-, xunto coas Consellerías de Sanidade e de Educación da Xunta de Galicia, buscan achegar a realidade dos transplantes á poboación escolar, para que os rapaces valoren e poñan en relevancia os múltiples beneficios do fomento da doazón de órganos.​ 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud