GÓMEZ CAAMAÑO DESTACA O AMBICIOSO PLAN DA XUNTA PARA MELLORAR A SAÚDE DA POBOACIÓN A TRAVÉS DE INTERVENCIÓNS COMUNITARIAS QUE ATENDAN O CONTEXTO SOCIAL DOS PACIENTES
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
13 06 2024


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde no acto de inauguración da xornada “Afondando na Estratexia Galega de Saúde Comunitaria de Atención Primaria”, no que destacou a importancia da Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027 para influír positivamente na súa saúde da nosa poboación.

Acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, o titular de Sanidade apuntou que é preciso avanzar dun xeito progresivo cara a un modelo sanitario que se centre máis nas persoas e no seu contexto social, no lugar de centrarse nas enfermidades, como acontece no modelo tradicional.

“Moitos dos problemas de saúde que enfrontamos teñen a súa orixe nos determinantes sociais” incidiu Caamaño, ao tempo que subliñou o alto impacto que xa demostraron ter as intervencións comunitarias, tanto no eido sanitario, como no social.

Por este motivo, abundou o conselleiro, “a saúde comunitaria é desde hai anos unha liña de traballo prioritaria para a Consellería de Sanidade”, tendo como un dos seus obxectivos principais a implantación de accións comunitarias, de xeito normalizado, nos centros de saúde galegos.

Entre estas accións, destacou os Plans locais de saúde e os diferentes proxectos que se desenvolven nos centros de atención primaria de Galicia xunto con outros axentes sociais. Unhas iniciativas que se adaptan ás necesidades de cada territorio e coas que se melloran os coidados de diferentes patoloxías crónicas, coas que se promocionan os estilos de vida saudables, ou nas que se afonda no coidado da saúde mental.

A Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria 2023-2027 conta con 4 liñas de actuación, 13 obxectivos e 35 accións prioritarias, representando unha folla de ruta que procura a consolidar o enfoque comunitario como un dos eixos da atención sanitaria na nosa comunidade.

Presentación de actividades comunitarias

Durante a xornada de hoxe, o salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu a presentación de diferentes accións comunitarias por parte de profesionais sanitarios de diversos centros de saúde galegos.

Así, e tras a presentación por parte da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, da Estratexia Galega de Saúde Comunitaria en Atención Primaria, a enfermeira do centro de saúde do Carballiño, Beatriz Blanco, detallou a iniciativa “Matilde no cole”. A médica de familia da área de Lugo, Julia Aboal, presentou a actividade “Coidar a quen nos coidan” e, por último, Laura Viña e Lucía Bruquet, matrona e enfermeira familiar no centro de Saúde de Chandrexa de Queixa, presentaron a actividade “Coñece o teu centro de saúde, achegando a primaria aos nenos”.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde