A AXENCIA GALEGA DE COÑECEMENTO EN SAÚDE ASISTE EN POLONIA A UN INTERCAMBIO DE BOAS PRÁCTICAS CENTRADO NO ENVELLECEMENTO E NA MEDICINA PERSONALIZADA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
15 06 2024

Representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente da Consellería de Sanidade, asistiron esta semana en Polonia ao primeiro dos cinco encontros previstos no marco do proxecto Interreg Europe HERCULES para compartir boas prácticas no eido da medicina personalizada centrada no envellecemento activo e saudable.

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, como líder do proxecto, conta coa colaboración e participación de diversos socios europeos para acadar as metas propostas de ata 6 países: Universidade de Twente (Países Baixos), Fondo de Desenvolvemento Rexional de Ática (Grecia), Municipio de Aarhus (Dinamarca), Rexión Västerbotten (Suecia), Rexión Emilia – Romaña (Italia), e Hospital St Jadwiga de Silesia en Trzebnica (Polonia).

En 2019, máis da quinta parte da poboación da Unión Europea tiña 65 anos ou máis e as proxeccións indican que a porcentaxe de persoas de 80 ou máis anos se multiplicarán por dous. Por outra banda, a crise da covid amosou a importancia das innovacións que sen dúbida poderán axudar ao ineludible proceso de transformación dos sistemas de saúde nun proceso máis proactivo, preventivo e personalizado. 

O proxecto HERCULES, que conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros, pretende desenvolver un plan estratéxico a nivel europeo para o desenvolvemento na contorna sanitaria de solucións que aborden esta temática, baseado nunha análise das vulnerabilidades, recursos e capacidades das rexións implicadas. Buscarase a participación de todos os axentes da quíntupla hélice (cidadanía, autoridades rexionais, empresas, inversores e academia).

No encontro puideron compartir a situación actual en cada unha das rexións participantes no proxecto, as fortalezas e ámbitos de mellora como paso previo para identificar boas prácticas a compartir. O anfitrión, a rexión socia de Wroclaw liderada polo Hospital Saint Jadwiga Slaska e a rexión de Trzebnica, aproveitou o encontro para recorrer e coñecer os plans do citado hospital e rexión autónoma, así como os plans no eido da saúde do Parque Tecnolóxico e do LifeScience HUB da rexión.

Galicia, referente en envellecemento activo e saudable

Galicia é referente europeo, recoñecido pola Comisión Europea, no desenvolvemento e adopción de prácticas innovadoras para un envellecemento activo e saudable.

HERCULES continúa a longa traxectoria de proxectos europeos de innovación no eido da saúde. Actualmente, están en marcha, xunto coa iniciativa HERCULES, cinco proxectos europeos cun orzamento que superan os 25 millóns de euros: PROCURE4HEALTH para a creación dunha rede europea de compra pública de innovación en saúde (5 M€); CIRCE para a transferencia e implantación de boas prácticas en atención primaria (12,2 M€); INVEST4HEALTH que procura novos modelos de financiamento para os sistemas sanitarios (5,5 M€); INNOV4LIFE para a creación dun ecosistema transfronteirizo de innovación colaborativa en saúde (2,3 M€); e TRANSFIRESAÚDE cuxo obxectivo é o impulso da integración do ecosistema de I+D+i eurorexional en saúde (2,5 M€).

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde