​A XUNTA INVISTE MÁIS DE 5,2 MILLÓNS DE EUROS NA PROCURA DA EXCELENCIA FORMATIVA DOS FUTUROS PROFESIONAIS SANITARIOS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
17 06 2024
 

O Consello da Xunta autorizou esta mañá unha nova prórroga dos concertos subscritos entre o Servizo Galego de Saúde e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo co obxectivo de acadar a excelencia formativa dos futuros profesionais sanitarios. 

En virtude destes acordos, o Executivo galego destinará un orzamento global de 5.289.479 euros para renovar unha colaboración que tamén permite a utilización das institucións sanitarias para finalidades docentes, asistenciais e de investigación. 

Estes novos expedientes de cooperación entre o departamento sanitario da Xunta e as universidades galegas estenderanse desde o 1 de xullo do ano 2024 até o primeiro semestre de 2025.  A Xunta incrementa este ano nun 10 %, en 516.592 euros, a partida destinada ao conxunto destes concertos.

O Servizo Galego de Saúde e as tres universidades galegas manteñen esta colaboración desde o ano 2001, establecéndose uns acordos que posibilitan que os profesionais do Sergas compatibilicen a súa actividade asistencial coa actividade docente e investigadora. 

Así mesmo, mediante estes concertos o departamento sanitario da Xunta ratifica o seu compromiso coa formación do alumnado, ao poñer á disposición do sistema universitario galego todos os recursos dos que dispón o Servizo Galego de Saúde. 

O orzamento destes acordos está destinado a financiar todos os custos de persoal derivados da dispoñibilidade para a docencia pregraduada, posgraduada e continuada dos profesionais, así como o cumprimento dos acordos e obxectivos específicos adquiridos coa colaboración, entre os que destacan: a formación do alumnado das especialidades das Ciencias da Saúde e o obxectivo conxunto de acadar uns mellores profesionais sanitarios e a máxima calidade asistencial para a poboación.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde