O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE PUBLICA A OFERTA DE DESTINOS DO CONCURSO DE TRASLADOS ABERTO E PERMANENTE
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 06 2024

O Diario Oficial de Galicia publicou este luns a resolución da Dirección  Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá publicidade á oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos, correspondente ao ciclo de adxudicación 2024. Así mesmo, tamén se publicou a relación provisional de persoas admitidas e excluídas  no proceso.

As listas, a relación de prazas ofertadas por categoría e os centros nos cales poden existir resultas (prazas libres a raíz do concurso da persoa que ocupaba ese posto) están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado Emprego Público-Concurso de traslados. Ademais, o estado de cada solicitude, ao igual que os destinos ofertados, pode ser consultado pola persoa aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/Expedient-e/Sección de procesos.

Neste concurso de traslados aberto e permanente, correspondente ao ciclo 2024, participaron un total de 4.710 profesionais, resultando admitidos 4.624, é dicir, unha porcentaxe de admitidos dun 98% sobre a totalidade de participantes. A categoría con maior número de persoas admitidas é a de enfermería, con 1.898 solicitudes, seguida de técnico en coidados auxiliares de enfermería (TCAE) e médico de familia. 

Coa publicación desta resolución, ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir de hoxe día 18 de xuño e ata o 1 de xullo) para que as persoas interesadas poidan corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación á que tivesen dirixido a solicitude de participación no concurso.

Na categoría de facultativo especialista de área nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, de conformidade coa resolución do 11 de xaneiro de 2024, pola que se publica o acordo da Mesa Sectorial sobre os prazos de execución do concurso de traslados (DOG núm. 15 do 22 de xaneiro), adíase a publicación da lista de persoas admitidas ata a finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación fixado para estas especialidades para o día 5 de xullo. Ata esta data, os solicitantes deberán seleccionar os destinos ofertados e realizar as modificacións na orde de prelación, non estando previsto a publicación dunha nova oferta de destinos neste ano 2024. 

Mediante esta Resolución tamén se aproba a oferta de destinos correspondente ao ciclo de adxudicación do ano 2024. Os profesionais que figuren na relación de participantes neste ciclo disporán dun prazo de 15 días naturais (entre o 18 de xuño e o 2 de xullo, ambos inclusive) para realizar as modificacións que estimen oportunas na selección inicial de destinos (engadir novos destinos, eliminar destinos seleccionados inicialmente, modificar a orde de preferencia dos destinos solicitados...). No caso de que a solicitude se garde sen ningún destino seleccionado, esta excluirase do ciclo de adxudicación en curso. No caso de realizar varias modificacións, sempre se tomará como válida a última presentada por rexistro electrónico. Se non se desexa realizar ningunha modificación na selección inicial, non se terá que realizar ningunha operación por parte dos participantes. A oferta real de prazas por categoría, con información do número de vacantes e resultas estará dispoñible no formulario de inscrición no proceso. As modificacións que se realicen deben asinarse electronicamente con certificado dixital e non requirirán a entrega de ningunha documentación adicional.

O número total de prazas ofertadas neste ciclo de traslados 2024 é de 8.880, das cales 1.457 corresponden a persoal facultativo, 5.346 a persoal sanitario non facultativo e 2.077 a persoal de xestión e servizos.

Este é o sétimo ciclo do proceso de concurso de traslados aberto e permanente, despois da súa posta en marcha a finais do ano 2017 e que fai máis accesible o dereito á mobilidade do persoal estatutario fixo e en consecuencia, a conciliación da vida laboral e familiar do persoal do Servizo Galego de Saúde, posibilitando o cambio de destino cunha periodicidade anual.

Próximas publicacións

Está previsto que mañá mércores día 19 de xuño se publique a resolución pola que se convoca concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario da categoría de facultativo especialista de atención primaria, na cal poderán participar os profesionais que se incorporaron nesta categoría no primeiro proceso convocado no ano 2022.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud