O CONSELLEIRO DE SANIDADE AVANZA QUE A XUNTA LICITARÁ ESTE VERÁN A REDACCIÓN DO PROXECTO DO NOVO CENTRO DE SAÚDE DE NOIA, QUE SUPORÁ UN INVESTIMENTO DE 10 M€
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 06 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que a Xunta licitará este verán a redacción do proxecto do novo centro de saúde de Noia, que suporá un investimento de preto de dez millóns de euros.

Segundo detallou o titular da carteira sanitaria, a intención do Goberno galego é redactar o proxecto ao longo do vindeiro ano e, xa en 2026, poder contratar e iniciar as obras para que Noia teña canto antes o novo centro de saúde que merece.

Na súa visita ao centro de saúde desta localidade coruñesa, o conselleiro estivo acompañado polo alcalde, Santiago Freire; polo director asistencial da área sanitaria de Santiago, Javier Ventosa; e polo director de atención primaria, Felipe Calle.

Gómez Caamaño subliñou que a Xunta leva tempo traballando, en colaboración co Concello de Noia, para impulsar a construción do novo centro de saúde. 

Explicou que o Concello fixo os seus deberes poñendo a parcela necesaria á disposición do Goberno galego, para proceder a construír un centro ben dimensionado, moderno e confortable para pacientes e profesionais.

Porta de acceso da cidadanía

Con esta visita ao centro de saúde de Noia, o conselleiro segue a coñecer de primeira man o valioso traballo que realizan os profesionais de atención primaria, que é a porta de acceso da cidadanía ao sistema sanitario público. 

Do seu bo funcionamento, dixo, depende, en gran medida, a calidade da asistencia sanitaria que se lle ofrece ás galegas e aos galegos, de aí a obriga da Consellería de Sanidade “por conceder o espazo prioritario” que se merece este primeiro nivel asistencial. 

O conselleiro considera primordial facer máis atractivo o traballo nos centros de saúde e, a tal efecto, a Consellería traballa nun plan para desburocratizar a atención primaria para reducir ao mínimo ese 30% do labor non sanitario que se realiza na actualidade.

Xunto ao anterior, tamén se está a elaborar un plan de recursos humanos que ten intención de aprobar neste ano.

Na súa intervención, Gómez Caamaño tamén se referiu á atención sanitaria no verán, incidindo en que, fronte á inacción do Goberno central ante a falta de médicos de familia, a Xunta está a tomar medidas cun plan para garantir a cobertura destes profesionais na época estival. 

Lembrou que onte mesmo o Goberno galego aprobou unha planificación que vai supoñer un investimento de 12,5 millóns de euros para garantir unha asistencia de calidade aos galegos no verán. 

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantenida y publicada en internet por la Consellería de Sanidad - Servicio Gallego de Salud