TODO SOBRE A FORMACIÓN SANITARIA ESPECIALIZADA DE GALICIA NUN CONGRESO EN FERROL
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 06 2024

​Todo o relacionado coa actualidade da Formación Sanitaria Especializada abórdase no III Congreso de Formación Sanitaria Especializada de Galicia, que se celebra os vindeiros 20 e 21 de xuño nos Hospitais Naval e Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Está organizado pola Rede de Comisións de Docencia de Galicia-Redega, e o Comité Organizador está integrado por profesionais da Unidade de Soporte ó Coñecemento (USCO) onde se integran as Unidades de Docencia, Formación, Biblioteca, Investigación e Innovación nesta Área.

Este Congreso superou xa os asistentes previstos, con 240 persoas inscritas; e desenvolverase en distintos espazos dos hospitais do Complexo xa que o programa é amplo e abrangue diversos aspectos con temas de interese para tódolos implicados na formación especializada, ou más coñecida como residencia, os MIR, EIR, FIR, BIR ou QUIR. Dende o Comité Organizador destacan precisamente este aspecto como unha das peculiaridades dese congreso galego en Ferrol, que tenta xuntar en talleres, foros e mesas a docencia en tódolos ámbitos e profesións que traballan en equipo no eido sanitario, de aí o lema do encontro: Abrindo Horizontes, superando barreiras.

Son catro talleres precongreso nas aulas de simulación do Hospital Naval do CHUF; seis foros simultáneos tamén no Hospital Naval entre o salón de actos e diversas aulas; catro mesas simultáneas, xa no Hospital Arquitecto Marcide; e tres mesas redondas, tamén no Hospital Arquitecto Marcide.

No marco do Congreso, que se inaugura de xeito oficial, o xoves 20, ás 19:00, no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide do CHUF, haberá dúas Conferencias. A inaugural, Comunicación e humor na sanidade. A propósito dun caso, de Mario Gil Conesa, médico influencer especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública, coñecido como @mariuslekker. E a de clausura, Humanizando a docencia, será impartida por Ángel Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde