O CONSELLEIRO DE SANIDADE AVANZA QUE O 80% DOS MÉDICOS RESIDENTES DE 4º CURSO MANIFESTAN A SÚA DISPOSICIÓN DE COLABORAR NA ATENCIÓN SANITARIA NESTE VERÁN
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
18 06 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe, no transcurso da súa visita ao centro de saúde de Noia, que o 80% dos médicos residentes de 4º curso, arredor de 100, manifestaron a súa disposición a aceptar a encomenda de funcións para que, de xeito voluntario, incentivado e baixo supervisión, poidan colaborar na atención sanitaria neste verán.  
Como consecuencia desta iniciativa da Xunta, os residentes de cuarto ano poderán cubrir unha ou varias das seguintes funcións: atención de consulta ordinaria; prolongacións de xornada para a cobertura de ausencias por riba do seu horario ordinario; realización de gardas nos PAC ou urxencias hospitalarias.
O conselleiro de Sanidade subliñou que esta medida encaixa plenamente no propio plan de formación dos médicos residentes e, ademais, está avalada polo Ministerio de Sanidade.
Gómez Caamaño remarcou que o Executivo galego aprobou onte o seu plan para a cobertura de persoal médico no verán para, deste xeito, garantir unha asistencia sanitaria de calidade á cidadanía galega no período estival. 
Ante a inacción do Goberno central por arranxar o problema de falta de médicos de familia que afecta a toda España, o conselleiro detallou que a Xunta elaborou unha planificación concreta con medidas ordinarias e extraordinarias, ás que vai destinar máis 12,5 millóns de euros e que van permitir actuar de xeito áxil e flexible en función das necesidades.
Entre esas medidas extraordinarias está a encomenda de funcións ao persoal residente en formación, da que o 80 % amósase receptivo a colaborar, á que hai que engadir a bolsa de voluntarios para reforzar os PAC; o programa especial de apoio do persoal do 061; e, ademais, a oferta de mobilidade temporal e voluntaria a centros que precisen reforzos.
Sistema sanitario sólido
Galicia ten un sistema sanitario sólido, con máis orzamento e con máis persoal contratado ca nunca, e conta con ferramentas para activar os reforzos necesarios nas épocas que se precisen, como é a estival. 
Na súa intervención, o conselleiro tamén puxo en valor que a comunidade galega vén de presentar a súa  oferta de formación sanitaria especializada, cun total de 657 prazas, o que supón o maior número da historia de Galicia.
Xunto ao anterior, o conselleiro volveu reiterar ao Ministerio que cumpra cos seus deberes e que facilite o marco xurídico para que haxa máis médicos que as comunidades autónomas poidan contratar, posto que esa é a súa responsabilidade.  

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde