​O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE PUBLICA A CONVOCATORIA DO CONCURSO DE TRASLADOS PARA OS PROFESIONAIS MÉDICOS DE ATENCIÓN PRIMARIA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 06 2024
 

O Diario Oficial de Galicia (DOG)​ publica, na súa edición de hoxe, a convocatoria do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario da categoría de facultativo especialista de atención primaria, na que poderán participar os profesionais que se incorporaron a esta categoría no primeiro proceso convocado no ano 2022.

A categoría estatutaria de facultativo especialista de atención primaria do Servizo Galego de Saúde foi creada pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro).

Así, e unha vez transcorrido o período dun ano desde a primeira toma de posesión dos facultativos/as especialistas en atención primaria, convócase o concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas desta categoría, para facer efectivo o dereito á mobilidade voluntaria do persoal estatutario fixo, favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, e ademais acadar un mellor desenvolvemento profesional. 

Esta convocatoria manterá a súa vixencia no tempo, cunha oferta de prazas e adxudicación de destinos que terán unha periodicidade mínima anual. 

A solicitude de participación no concurso deberá efectuarse a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos), dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e deberá presentarse por rexistro electrónico.

As persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. 

En cada ciclo anual de adxudicación, incluiranse as solicitudes de participación e petición de destinos que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do respectivo ano. Con carácter excepcional, e exclusivamente para o primeiro ciclo de adxudicación, admitiranse as solicitudes de participación que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 1 de xullo de 2024. 

Os méritos que se valorarán neste primeiro ciclo anual, serán os causados até o 15 de decembro do ano anterior, inclusive, que consten debidamente rexistrados en Fides/expediente-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada ata o último día do prazo de presentación de solicitudes de participación. 

Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que poidan xurdir neste procedemento, habilitouse o enderezo de correo electrónico concurso.traslados@sergas.es.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde