​A XUNTA CREARÁ A FIGURA DA PROMOTORA DE SAÚDE NA COMUNIDADE XITANA NAS SETE ÁREAS SANITARIAS CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
19 06 2024
 


O Diario Oficial de Galicia​ publica hoxe a concesión á Fundación Secretariado Xitano de 1.015.000 euros ata 2027 cos que promover a saúde neste colectivo. Deste xeito, a Consellería de Sanidade apoia un proxecto en cada área sanitaria encabezado por unha traballadora de etnia xitana que actuará como promotora de saúde.

A promotora de saúde de cada un dos sete proxectos recibirá unha formación común e inicial en materia de promoción de hábitos de vida saudables. A continuación, realizarase unha recollida de información sobre a situación da poboación xitana mediante unha enquisa inicial. Nunha fase posterior, desenvolveranse actividades para o fomento de estilos de vida saudables na comunidade e a diminución dos seus factores de risco. Para iso, actuarase na promoción e na educación para a saúde de acordo ao seu propio contexto e tendo en conta os resultados obtidos na enquisa en cada territorio. 

Desde este ano e ata 2027, esta entidade sen ánimo de lucro desenvolverá formación continuada para a promotora de saúde contratada para a mellora e o reforzo das habilidades e coñecementos necesarios cos que promover a saúde na súa contorna. Finalmente, realizarase unha avaliación e mellora continua das actividades implantadas en cada territorio.

Polo tanto, valoráronse os proxectos que buscan reducir as desigualdades existentes e potenciar a participación comunitaria na promoción da saúde da poboación de etnia xitana para fomentar unha alimentación equilibrada, a actividade física, a prevención de accidentes e a redución do consumo de tabaco, alcol e outras substancias prexudiciais para a saúde.

Esta iniciativa enmárcase no Plan Obesidade Zero en Galicia que está a levar a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública. Entre os seus obxectivos, atópase promover a saúde nos barrios e, nese ámbito, téñense en conta as necesidades da comunidade xitana para promover a equidade en saúde, é dicir, que todas as persoas teñan igualdade de oportunidades para desenvolver e manter a súa saúde, a través dun acceso xusto aos recursos. 

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde