A XUNTA AVANZA QUE ESTE VERÁN SANXENXO CONTARÁ CUN REFORZO DE 4 MÉDICOS E VILAGARCÍA CUN 3º EQUIPO DE PAC
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 06 2024


O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada Jorgal, avanzou hoxe que Sanxenxo contará con 4 médicos a maiores durante a época estival, mentres que en Vilagarcía de Arousa operará un 3º equipo do Punto de Atención Continuada. Así o anunciou no marco da Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, onde salientou que a asistencia sanitaria no verán na comarca do Salnés está garantida e será “de calidade”.

Ante a falta de médicos de atención primaria, problema común en toda España, explicou que a Consellería de Sanidade xa presentou unha planificación completa de cara a garantir unha asistencia sanitaria de calidade para a cidadanía galega durante o período estival. 

Un verán que, tal e como remarcou o xerente do Servizo Galego de Saúde, se prevé máis complexo pola mala planificación e pola inacción do Goberno de España á hora de facilitar a contratación de médicos por parte das comunidades autónomas.

O plan elaborado pola Consellería de Sanidade, que conta cun orzamento de 12,5 millóns de euros, recolle unha serie de medidas ordinarias e extraordinarias, deseñadas en permanente colaboración coas xerencias das sete áreas sanitarias.

Entre as medidas extraordinarias está a posta en marcha dunha bolsa de persoal voluntario dispoñible en réxime de localización para reforzar a cobertura dos PAC; un programa especial de apoio á atención primaria por parte do persoal do 061; unha oferta de mobilidade temporal e voluntaria a centros que precisen reforzos prioritarios; e unha encomenda de funcións ao persoal residente no seu cuarto ano de formación. 

Cómpre remarcar que este persoal residente está a manifestar, de forma maioritaria, a súa vontade de colaborar coa cobertura estival, a través dunha medida voluntaria, incentivada e con supervisión, avalada, ademais polo Ministerio de Sanidade.  

Reforzos estivais no Salnés

José Ramón Parada tamén explicou que, no caso concreto da comarca do Salnés, o Servizo Galego de Saúde pon en marcha cada ano un reforzo que inclúe o incremento das presenzas do persoal nos Puntos de Atención Continuada, PAC, así como a de consulta de desprazados nos PAC de Baltar e O Grove.

Detallou que o PAC de Baltar se foi reforzando ao longo destes últimos meses cunha presenza de médico de familia e enfermeira máis as fins de semana.

Xunto ao anterior, o Servizo Galego de Saúde mantén unha monitorización da actividade asistencial co fin de adecuar os recursos dispoñibles coa demanda asistencial.

Explicou, así mesmo, que o reforzo de verán de Baltar será do 1 de xullo ata o 30 de setembro, e o do PAC do Grove desde o 15 de xullo ao 31 de agosto.

En concreto, sobre os reforzos establecidos na comarca do Salnés, o xerente dixo que en Sanxenxo contratáronse catro médicos a maiores do cadro de persoal habitual, que posibilita ter dúas consultas diarias para desprazados, e que reforzarán os efectivos do PAC de xeito que haberá dous equipos de médicos e enfermeiras durante todo o verán.

En Vilagarcía de Arousa, contarase durante o período estival cun terceiro equipo de PAC; e en Cambados haberá dous equipos durante o verán, con reforzos puntuais como é o caso da Festa do Albariño.

Polo que se refire ao Grove, haberá unha consulta a maiores para desprazados e reforzarase o PAC cun segundo equipo todos os días desde as 15 horas ata as 22 horas entre semana, e de 8 a 22 horas os sábados e domingos.

Incidiu, así mesmo, que a media de tarxetas sanitarias dos profesionais do Salnés atópase dentro dos parámetros que as sociedades de atención primaria consideran como adecuados para poder dar unha asistencia sanitaria de óptima calidade.

Servizo de ambulancias

Polo que atinxe ao servizo de ambulancias, segundo dixo o xerente, no novo contrato de transporte sanitario urxente terrestre, que no Salnés entrou en vigor o 16 de xuño, esta área conta cunha ambulancia de soporte vital avanzado con base en Vilagarcía de Arousa. Como en anos anteriores, esta ambulancia desprazará a súa base ao concello de Sanxenxo nos meses de verán, como consecuencia do incremento de poboación desta vila.

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o xerente do Sergas detallou, así mesmo, que a comarca do Salnés está dotada cunha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado e catro ambulancias asistenciais de soporte vital básico localizadas en Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo e O Grove. Ademais, no verán refórzase esta comarca cunha ambulancia de soporte vital básico en horario diúrno.

José Ramón Parada referiu que o 061 realiza estudos continuos de avaliación das necesidades da poboación, coa finalidade de mellorar a asistencia urxente ao conxunto da cidadanía galega.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde