A NOVA AMBULANCIA DO 061 CON BASE NA VEIGA SEGUE A REFORZAR A CADEA DE PROTECCIÓN CARDIOPULMONAR NAS ZONAS RURAIS
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
20 06 2024

A nova ambulancia convencional da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 con base no concello da Veiga segue a reforzar a cadea de cardioprotección, impulsada pola Xunta nas zonas rurais. 

Esta ambulancia, que comezou a prestar servizo este martes, 18 de xuño ás 00.00 horas, estará operativa as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Durante a mañá de hoxe, o alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez, acompañado do  subdirector de Procesos Asistenciais de Enfermería da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Óscar Estraviz Paz, visitaron as instalacións da base da ambulancia neste concello.

A ambulancia convencional de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 con base e zona de cobertura preferente no municipio da Veiga conta cun desfibrilador externo semiautomático (DESA) e un técnico en emerxencias sanitarias con formación no uso do mesmo. Deste xeito, en caso de emerxencia, acúrtanse os tempos ata a realización da masaxe cardíaca e a desfibrilación temperá. 

Este modelo de recurso asistencial comezou a implantarse no ano 2019 noutras zonas do rural, como Pedrafita e Folgoso do Courel, co obxectivo de mellorar a cardioprotección en zonas afastadas e de difícil acceso. 

Optimización da cobertura asistencial

O aumento dos recursos asistenciais da rede de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia-061 optimiza a cobertura destas zonas de grande extensión e dispersión poboacional, que inflúen na distancia co seu hospital de referencia. Ademais, a incorporación deste recurso permitirá mellorar os tempos de asistencia á poboación e incrementar a calidade asistencial coa atención presencial daqueles pacientes que necesiten coidados sanitarios.

A asistencia sanitaria realizada polo persoal do 061 de Galicia, tanto no punto no que se atope o paciente como durante o traslado, está en todo momento coordinada e supervisada en tempo real desde a Central de Coordinación, por médicos coordinadores especialistas na atención da urxencia e a emerxencia extrahospitalaria.

Coa incorporación da ambulancia convencional da Veiga, a rede de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia-061 dispón de 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas, cinco ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado de enfermería, dous helicópteros medicalizados, 107 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e tres ambulancias convencionais. 

Todos estes recursos, mobilizados desde a Central de Coordinación do 061, garanten a asistencia ás urxencias e ás emerxencias extrahospitalarias en Galicia as 24 horas do día, os 365 días do ano.

A decisión de incrementar a rede de transporte sanitario urxente terrestre do 061 cunha ambulancia convencional con base no concello da Veiga confirma o compromiso da Xunta por mellorar a atención ás urxencias e as emerxencias neste concello e na súa área de referencia.

 
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde