​GÓMEZ CAAMAÑO REMARCA QUE A ATENCIÓN PEDIÁTRICA NO BARCO DE VALDEORRAS ESTÁ PLENAMENTE GARANTIDA
EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
10 07 2024
 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, remarcou esta tarde no Parlamento de Galicia que a asistencia pediátrica no centro de saúde do Barco de Valdeorras está plenamente garantida.

Durante a súa intervención no Pazo do Hórreo, o máximo responsable da Sanidade galega incidiu en que os dous cupos pediátricos cos que conta o centro de saúde do municipio non posúen demora algunha para unha cita.

“A demora para conseguir cita é de cero días en ambos os dous cupos pediátricos do Barco de Valdeorras” subliñou Caamaño.

Neste sentido explicou que todos os pacientes pediátricos están a ser atendidos coa maior celeridade posible e que, ademais, sempre se fai con profesionais especialistas en pediatría ou por médicos de familia capacitados para a atención pediátrica. 

“Galicia é das poucas comunidades onde a atención pediátrica é realizada en case o 90% dos casos por especialistas en pediatría”. 

O conselleiro de Sanidade explicou, tamén, que o centro de saúde desta localidade ourensá conta cunha dotación de dous pediatras e, aínda que actualmente unha das prazas está vacante, o Servizo Galego de Saúde agarda adxudicar a segunda delas nunha nova volta do concurso de prazas de difícil cobertura impulsado pola Xunta. En todo, caso, abondou en que os pacientes de ambos os dous cupos están a ser atendidos por médicos especialistas en pediatría ou puericultores.

Así, e tras agradecer a dedicación e o esforzo dos profesionais sanitarios do centro de saúde do Barco de Valdeorras lamentou a visión “alarmista” e “apocalíptica” que algún dos partidos da cámara quere trasladar sobre a asistencia pediátrica neste municipio. “A realidade está moi afastada do alarmismo que vostedes predican. Temos un sistema sanitario sólido, con máis recursos que nunca e con máis profesionais sanitarios traballando que nunca”, incidiu.

Medidas da Xunta fronte a pasividade do Ministerio 

Na súa intervención Gómez Caamaño instou aos partidos da Cámara galega a colaborar para que o Ministerio de Sanidade escoite as continuas demandas que a Xunta lle está a trasladar ao Goberno central, co ánimo de paliar a falta de médicos de atención primaria que sofre o conxunto do Sistema Nacional de Saúde.

Así, e segundo apuntou o conselleiro, é preciso que o Ministerio de Sanidade mude o sistema de elección das prazas MIR, que elimine a nota de corte, que modifique o proceso de acreditación de centros de formación de especialistas e que axilice a homologación dos títulos estranxeiros. Ademais, tamén avogou por permitir que os médicos de máis de 70 anos, que así o desexen, poidan seguir traballando.

Sobre este particular, Caamaño puxo en valor o conxunto de medidas que leva postas en marcha a Xunta de Galicia para garantir a calidade do sistema sanitario público galego. 

Así, lembrou a iniciativa legal que conseguiu dotar con 340 médicos ás prazas de difícil cobertura en Galicia, ou os 12,5 millóns consignados para reforzar a asistencia sanitaria durante o verán, e que posibilitarán que no período estival a comunidade conte con máis de 100 médicos residentes reforzando os centros de atención primaria e máis de 350 voluntarios colaborando na asistencia dos PAC.

EnviarImprimirPDF
FacebookTwitterMeneame
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde